Obra de seis creadoras dos oitenta para un novo relato da arte galega

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

«Outras historias posibles», inaugurada este martes, reúne máis dun centenar de obras.
«Outras historias posibles», inaugurada este martes, reúne máis dun centenar de obras. Xoán A. Soler

A mostra «Outras historias posibles» abriu as súas portas no Gaiás

28 may 2024 . Actualizado a las 23:03 h.

Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré. Todas, artistas; todas, ligadas a Galicia, ben sexa pola súa traxectoria vital ou profesional, e todas, nacidas nos anos cincuenta. Ese é o nexo común das protagonistas de Outras historias posibles, a exposición que abriu este martes as súas portas no museo Gaiás. Nomes de mulleres que comezan a despuntar nos oitenta, algunhas mesmo antes. Porén, a imaxe que chegou daqueles anos e que, «en certa maneira, segue monopolizando os discursos museístico e historiográfico en Galicia é o dunha xeración de pintores, fundamentalmente masculinos», advirte Susana Cendán, a comisaria. Así que o obxectivo desta mostra, apunta, «non é descubrir a ningunha delas, senón resituar, compartir» a súa traxectoria tendo en conta os contextos social e persoal para colocar o seu traballo «no lugar que lle corresponde».

Nese mesmo sentido incidiu o conselleiro de Cultura, José López, apuntando que se trata de reivindicar «un relato máis diverso e integrador dentro da historia da arte galega contemporánea, dándolles un lugar a estas artistas que xa lles correspondía por mérito propio». A mostra reúne para tal obxectivo 111 pezas, unha selección que inclúe pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas, e que poderá verse ata o 26 de xaneiro.

Para axudar a artellar este novo relato da arte contemporánea, Susana Cendán apostou por amosar realidades que permaneceron ocultas. Deste xeito sinala como a maternidade, roles de xénero ou modas impactaron na creación e na traxectoria das seis artistas. «Non se trata de ofrecer unha listaxe máis de artistas, senón que o que tratei foi de amosar que o cotián, os coidados... condicionan a vida e a traxectoria das artistas», subliña. Nesa liña, tamén trata de desmitificar a figura dese «xenio-creador». Así, por exemplo, apunta que cando se fala de Picasso non se di nada de quen lle criaba os fillos ou lle facía a comida.

Outras historias posibles está articulada de xeito que cada artista ten o seu propio espazo. A cor toma protagonismo na obra de Ana García Pan (A Coruña, 1951). Entre as pezas, chaman a atención as que reflicten os cactos. Séguena Blanca Silva (A Coruña, 1951), con creacións que nacen da necesidade de plasmar os seus soños e emocións; e Laura Terré (Vigo, 1959), onde o compromiso social queda patente nas pinturas e xilografías. «Trabajábamos a contracorriente. Son cuadros de hace 40 o 45 años, que fueron concebidos para el futuro. El mensaje era para ahora», afirmou Terré na inauguración. De Tusi Sandoval (Pontevedra, 1954) —onte non puido asistir ao encontro— destacan as súas obras con peles para darlles forma ás súas vivencias. Tamén se pode observar a experimentación coa cerámica nas esculturas de Emilia Guimeráns (Vigo, 1958), na que resaltan as prendas petrificadas. Ademais, chama a atención a pintura realista e minuciosa de Anne Heyvaert (Memphis, 1959). A artista, asentada en Galicia desde hai catro decenios, enxalzou a exposición como oportunidade de amosar a súa obra.