Dos Passo en Galicia

La Voz VAGALUME

CULTURA

29 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

gran escritor estadounidense John Dos Passos (1896-1970) tivo un especial agarimo por Galicia e así o demostrou nas súas repetidas viaxes en coche polas catro provincias galegas, con paradas demoradas na Coruña (moi especialmente en Santiago de Compostela), en Pontevedra (con presenza nas Festas da Peregrina de 1933), en Lugo (con paseo pola muralla romana), en Ribadeo (con visita engadida ó pequeno porto pesqueiro de Rinlo) e en Ourense (con parada nas Burgas).

A súa relación con Galicia comezara tras coñecer nunha viaxe en tren ao profesor santiagués José Robles Pazos, un intelectual republicano formado en EE.UU. e profesor na Universidade John Hopkins, quen ó cabo foi vítima en Valencia do stalinismo soviético durante a Guerra Civil. Dos Passos buscou o apoio de Ernest Hemingway para indagar sobre este suceso, pero non o conseguiu, porque o autor de Por quen dobran as campás xa se apuntara á realización dun documental prorrepublicano titulado Terra española. A partir disto medrou un distanciamento irremediable entre os dous grandes escritores norteamericanos.

Dos Passos xa estivera en España entre novembro de 1916 e finais de xaneiro de 1917, ano no que publicou Rocinante volve ó camiño de novo. Hospedouse nunha pensión da madrileña Porta do Sol e, fascinado por España, subía con frecuencia á Serra de Guadarrama, onde dicía ter visto os crepúsculos máis fermosos de toda a súa vida.

Nesta etapa coñeceu en Madrid a Juan Ramón Jiménez e, sobre todo, a Ramón María del Valle-Inclán, que era o principal foco de atención en varios faladoiros, nos que o escritor norteamericano gozou do «gran espectáculo» dos seus debates. Dos Passos divertiuse moito naquela estadía, que relembrou despois no seu libro de memorias titulado Anos inesquecibles. Unha visión de nós que realmente durou ata o asasinato do seu amigo José Robles Pazos. A partir deste episodio mudou a súa visión dunha España que se lle manifestaba cruel e sanguenta envolta nunha brutal guerra civil. Unha percepción que, non obstante, nunca lle impediu interesarse polo que pasaba entre nós.