Xavier Alcalá: «Eu nunca publico nada que non o lean polo menos tres vítimas»

Antón L. Eiroa REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

CESAR QUIAN

Alcalá publica «A capital do mundo» e convértese no terceiro escritor galego ao que se lle adica unha Biblioteca Galaxia en vida

06 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xavier Alcalá é un galego nado en Cidade Real. Esta semana publica a primeira entrega do díptico Mayimbes, ambientando o drama da emigración galega na época da revolución cubana. Comparte con dous sobranceiros escritores —Neira Vilas e Blanco amor— a distinción dunha Biblioteca Galaxia en vida.

Presentará A Capital do Mundo o día 9 de agosto ás 18.00 horas na feira do Libro de A Coruña. Estará acompañado polo director de Galaxia, Xulio López Valcarce, entre os seus agradecementos «por aturar o libro dun amigo».

—Estivo acompañádoo en todas as versións do libro?

—Eu nunca publico nada que non lean polo menos tres vítimas.

—Que lle supón ser escollido para a Biblioteca Alcalá?

—Sinceramente, chegar vivo e activo aos 77 anos. Como diría Ángel Carracedo é 95% xenética e 5% de casualidades.

—Grande parte da súa obra trata sobre a emigración. Que supón no seu traxecto vital?

—Imaxínate. Son inmigrante nun país de emigrantes, é parte fundamental da miña vida. Por exemplo, o meu primeiro libro publicado en Galaxia no 1972 titulábase Voltar. Ademais, por circunstancias da vida estiven por moitos sitios e cadrei con moitos emigrantes galegos que sempre me ensinaron moito.

—A capital do mundo sitúa a emigración galega na revolución cubana.

—É a primeira parte de Mayimbes, o nome dos castristas triunfantes. A historia comeza con dúas mulleres que se ven obrigadas a fuxir da Coruña por unha situación comprometida. Chegan casualmente á Habana o día que a revolución asalta o palacio presidencial. Na segunda parte de Mayimbes vanse tocar máis de preto os desastres da revolución cubana.

—Ten xa un título?

—Pódoche dicir que me faltan arredor de 60 páxinas para rematala e ao título estámoslle dando voltas. O título A capital do mundo é moi intuitivo por como era a Habana naquel momento.

—Algo se lle ocorrerá.

—Unha recurso do que boto man na primeira parte é o xornalista - narrador que vai avanzando a novela segundo os seus descubrimentos das protagonistas.

—A historia que vai descubrindo o xornalista ten base real.

—Como todas as novelas realistas, hai un compoñente real. Aínda que a historia que se conta está baseada en tres historias refundidas, o realmente o importante é a sustancia: o drama inmenso da inmigración.

—Como chegou a coñecer as historias que había detrás?

—A través do que me contou a «dama innominada» que aparece na dedicatoria do libro. É unha persoa que quere manter a súa identidade preservada.

—Para protexerse do que se conta?

—Ao final, esta historia da emigración é obrigada polo adulterio, unha felonía penada co cárcere na década dos 50 para as mulleres. Daquela, o adulterio, ao non haber a posibilidade de divorcio, conlevaba unha dobre vida, moi difícil de manter, A opción entón era marchar para Cuba, por exemplo.