Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Manuel Lorenzo Baleirón: «Escríbese sobre o que se le e o que se vive»

ANTÓN L. EIROA / H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

MERCE ARES

Publícase «Cortezas de naranja», a versión en castelán do premio Xerais 2012

26 ago 2024 . Actualizado a las 11:14 h.

Doce anos despois da publicación da novela Tonas de laranxa (premio Xerais 2012), sae ao mercado literario a súa tradución en castelán da man do selo Siruela, Cortezas de naranja. A obra orixinal escribírona Manuel Lorenzo Baleirón (Tarrío, Dodro, 1957) e María Lorenzo Miguéns (Tarrío, Dodro, 1986), pai e filla. Daquela, dous autores inéditos sorprendían á crítica e ao público cun texto moi persoal e con fondas raíces na lingua galega. En palabras do propio Lorenzo Baleirón: «A marca de auga fundamental era o galego patrimonial da nosa zona».

Baixo este punto de partida lingüístico, iniciouse o proceso de tradución da man do propio Lorenzo Baleirón. Foi unha posibilidade que contemplaron durante a pandemia da covid, dándolle un novo pulo á súa creación literaria. O pai volveu chamar a filla, María Lorenzo, e, durante un tempo, volveron darlle voltas ás idas e vidas dos seus personaxes no espazo ficticio de Moreira. Na versión castelá, por certo, muda a Moreda. Para o autor, «traducir é crear dalgunha maneira». Tendo en conta as fondas raíces lingüísticas da zona de Dodro, lugar de nacemento dos autores, «houbo que cambiar cousas, reordenar capítulos ou incluso cambiar o nome dalgún personaxe», recoñece.

A pesar dos cambios lóxicos e necesarios na tradución da propia obra, Baleirón asegura que procuraron «manter o aire que tiñan as Tonas, utilizando os mesmos recursos estilísticos ou a sintaxe». Para el, «o esencial da literatura é escoller ben as palabras». Mesmo a construción do título é unha escolla. Tonas podía terse traducido como cáscaras. «Cando escribía, Cunqueiro escollera cascas», apunta Baleirón.

Daquela, a crítica fixo especial fincapé na influencia de Álvaro Cunqueiro en Tonas de laranxa. Baleirón non nega a pegada cunqueirá. Había algunha cita textual del ao longo do libro, e identifícao «como un escritor absolutamente inmenso en galego e en castelán». Aínda así, Baleirón apunta que tamén hai outras influencias, dende as máis veladas ás máis evidentes, de autores como Borges, Carpentier, Guimarães Rosa ou Lezama Lima.

«Escríbese sobre o que se le e o que se vive, e, na conxunción desas dúas cousas, saen as obras», sentencia Baleirón. Baixo a sombra desa razoable máxima escribiron el e María Lorenzo Miguéns Tonas de laranxa. Este proceso de coescrita ás veces se denomina coloquialmente escribir a dúas ou catro mans, segundo se mire. Baleirón di: «Iso das catro mans recórdame unha especie de artrópodo». Non se pode sustentar en porcentaxes a achega de cada autor ao texto, pero o libro sería «imposible de escribir sen a presenza de María».

A pesar do salto xeracional entre ambos, case trinta anos de diferenza, comparten unha visión semellante da literatura. Os dous coinciden en subliñar a importancia das obras incluso por riba dos autores. Por exemplo, engade, «hoxe, a xente coñece máis a Alicia que a Lewis Carroll».

Aínda que a autoría é un concepto moi debatible, advirte, «o libro non nos representa, senón que representa un instante de nós». El identifica a literatura como un lugar de encontro, onde a escrita, feita dende un mesmo, pasa aos lectores. Unha vez publicada a obra, «xa é dos lectores, que a reinterpretan e a fan súa», insiste o narrador.

Baleirón sábese «máis lector ca escritor». A pesar de que publica artigos e de que é membro da Fundación Rosalía de Castro, procura ser cauto co que escribe, porque tamén é moi selectivo co que le.

En ambas as dúas versións da novela tentaron ofrecerlle ao lector a posibilidade de que «o marabilloso puidese suceder en calquera momento». No seu mundo literario, hai carballos con folla todo o ano, xirasoles brancos e un olor de laranxa persistente cuxa orixe non se coñece. A pesar da compoñente fantasiosa, Baleirón recalca o seu compromiso cunha literatura que conmova e cuestione a partes iguais. Coa súa obra, iniciaron un camiño polo que se pode volver transitar. Quen lea a obra en castelán poderá saborear o zume da súa prosa. A tona volvérona quitar eles.