Marifé e os exilios

CULTURA

Marifé Santiago Bolaños, nunha conferencia en Ourense, no 2018.
Marifé Santiago Bolaños, nunha conferencia en Ourense, no 2018. Santi M. Amil

04 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Trátase de Marifé Santiago Bolaños (Madrid, 1962), profesora titular de Estética e Teoría das Artes na Universidade Complutense, docente que fixo as primeiras armas nun instituto de Ourense, con 24 anos, xa catedrática de Filosofía. Estivo entre nós cinco anos (1986-1991) nos que aprendeu, cum laude, a lingua galega na súa relación cos alumnos galego-falantes e con escritores, entrañables para ela, como Víctor Campio, Antón Tovar e José Luis López Cid; nesas datas, coñeceu a José Ángel Valente a quen lle organizou unha homenaxe inesquecible. En 1993, tivo unha intervención estelar no I Congreso de poetas alófonos en lingua galega (USC), porque ela, xa fóra de Galicia, ás veces poetizaba en idioma galego, idioma, aclarou, que ela non escolleu senón que foi o idioma de Castelao quen a escolleu a ela.

Desde aquelas datas ten publicado, en castelán, narrativa, ensaio, poesía, teatro e estudos literarios, xénero este no que cómpre salientar La mirada atlántica, páxinas orixinais sobre Rosalía, Rafael Dieste, Luís Pimentel e Álvaro Cunqueiro (Ediciós do Castro, 1995).

Desta extensa e intensa biografía literaria falouse o día 26, en Ourense, na librería Tanco, na presentación do último libro da autora, Reflexiones a la orilla del tiempo (Madrid, editorial Bala Perdida, 2022), acto no que tamén nos ilustraron, cos seus testemuños, dúas exalumnas da escritora, Sofía Díaz, traballadora social, e a doutora Isabel Peña-Rei, secretaria de Estado en Madrid. Abundan, nas páxinas do libro, as incursións na realidade dos exiliados (non só os nosos, os da Guerra Civil), con capítulos ateigados de poesía e verdade como cando comparece «Antonio Machado [que] amaba la bondad. Murió por falta de ella, de pena, en Collioure». Exiliado, sensu lato, foi o pai da autora que, en 1942, aos once anos, tivo que deixar as súas terras leonesas para traballar, de rapaz dos recados, naquel Madrid de fame e tristura. Mentres, quedaban na terra individuos que «llevaban uniforme con pistola en el cinturón y la violencia del esclavo con poder». Hai tamén palabras eloxiosas para o sefardí de Bulgaria.