«A Galería Diana deu acubillo a artistas que viviron diferentes exilios»
CULTURA
O Museo de Pontevedra reconstrúe o legado de Rosita García Ascot
18 oct 2024 . Actualizado a las 05:05 h.A pesar da súa efémera existencia, apenas nove anos comprendidos entre 1954 a 1965, a influencia da Galería Diana estendeuse ata a actualidade. Así quedou reflectido este xoves no Museo de Pontevedra no transcurso do seminario A Galería Diana de Cidade de México, 1954-1965. Reconstrución histórica dunha galería de arte do exilio galego e español.
Detrás desta galería, segundo expuxo a investigadora Beatriz Fontán, cuxo traballo xunto a Samuel Diz foi o xerme deste seminario, estaba o matrimonio conformado pola compositora e pianista Rosita García Ascot e o compositor e musicólogo galego Xesús Bal y Gay, así como polo irmá da primeira, Blandino. «Exílianse despois da Guerra Civil en México onde deciden emprender este proxecto profesional na capital do país».
Ambos investigadores comprobaron que en España «existían diferentes referencias, pero todas bastante escasas dentro do punto de vista de información», incluso «algunhas, incluso, con algún error que se foi reproducindo ao longo de diferentes publicacións». Sen embargo, todo cambiou cando chegaron a México: «Cal foi a nosa sorpresa cando entramos na hemeroteca e empezamos a tirar do fío e atopamos, grazas á crítica de arte que se conservaba de moitos xornais, (...) que era unha galería que supuxo o debut de moitísimas artistas e moitísimos artistas que despois foron recoñecidos e que forman parte agora do que é o imaxinario artístico de México. Fago fincapé no feito de homes e mulleres porque é unha galería de arte que expuxo máis mulleres que homes, que era algo tamén bastante particular», engade Beatriz Fontán.
Movemento de cambio
Deste modo, a galería deu «acubillo a artistas que viviron diferentes exilios, exilios da Guerra Civil pero tamén, obviamente, provocados pola Guerra Mundial e tiñan esa sensibilidade como refuxiados de acoller ese tipo de artistas e tamén artistas locais». Era unha época na que México estaba vivindo «un momento de cambio a nivel estético, artístico, onde parecía que unha nova pintura, unha nova estética, empezaba a agromar», apunta.
Así, pola Galería Diana pasaron, por exemplo, Remedios Varo, «unha artista moi pouco coñecida na España en comparación a como se coñece en Ciudad de México», fixo o seu debut neste espazo, que tamén acolleu as obras de outros moitos exiliados, caso de Elvira Gascón ou Lucinda Urrusti. «Era unha galería moi pequena, que inclusive chamaban galería de bolsillo porque era un espazo bastante pequeno que tiña na primeira parte unha tenda de pinturas, de pinceis, de material para artistas e na parte de atrás tiña unha pequena saliña que era onde se facían as exposicións. Nós deducimos que este feito, que fora tan pequena, foi algo que favoreceu a artistas que estaban comezando, que eran debutantes, para poder facer unha exposición individual sen ter que ter demasiada obra».
Xustiza poética
«Esta investigación para nós supuxo un acto de xustiza poética na reconstrución dunha figura como era Rosita García Ascot en canto a que nesta parte do Atlántico todo o mundo a coñecía como a discípula de Falla, unha grandísima pianista, e sen embargo en México todo mundo coñecíaa como galerista», incide Fontán.
Así, o seminario desenvolvido no Museo permitiu «dar unha visión bastante poliédrica a toda esta investigación» grazas ás intervencións, ademais de Beatriz Fontán e Samuel Diz, de Miriam Kaiser, «unha grandísima promotora cultural que, ademais, foi secretaria de Max Aub e estivo sempre moi vinculada ao entorno de refuxiados e de exiliados en México», Carmen Gaitán Salinas, autora de Las artistas del exilio republicano español’ (2019), Luis Rius Caso, comisario en materia de obras de artes creada polo exilio e comisario do Museo Kaluz de México, e José García-Velasco, presidente da Fundación Francisco Giner de los Ríos e que «no seu día foi o director da Residencia de Estudiantes que é onde se acolle o legado de Rosita García Ascot e Xesús Bal y Gay».
En palabras de Samuel Diz, o seminario foi «unha oportunidade marabillosa de reunir a unha serie de persoas especialistas, tanto en testemuñas propias, como Miriam Kaiser, (...) que coñeceu este espazo, a Galería Diana, e ao mesmo tempo que tivo un vínculo con moita parte do auxilio», como «nas novas visións académicas e de investigadores».
Vínculo co Museo
«O Museo de Pontevedra sempre tivo un vínculo moi estreito a nivel histórico con Bal y Gay», remarcou Samuel Diz, toda vez que, «na época de Filgueira Valverde como director do Museo, foi un dos principais impulsores da publicación do Cancionero Galego, que fora un proxecto que fixeran ao final dos 20 ou inicios dos 30, e que despois quedara inédito coa guerra. Finalmente publicarase nos anos 70 (...). Hai un epistolario moi interesante no Museo de Bal y Gay e logo a presenza de Arturo Souto, artista que, segundo a testemuña de Bal y Gay, fora unha das persoas que lles impulsara a abrir unha tenda de arte para poder prover de pintura, de materiais, de pinceis... aos artistas en México».
A impronta da Galería Diana na vida cultural mexicana pódese observar no feito de que «moitos dos nomes que expuxeron, que deron a oportunidade a moitas persoas novas de facer a súa primeira exposición individual, a día de hoxe tiveron unha traxectoria importante e que están presentes en primeiros museos. Nese sentido, si que ese podería ser o legado a nivel artístico e despois, a nivel social, era un punto de encontro do exilio. As testemuñas vivas lembran un punto de encontro, de tertulia, de debate».