Antón Riveiro Coello, Maggie O'Farrell e Alejandro Zambra gañan o Premio San Clemente

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO

CULTURA

O xurado deu a coñecer este mércores o fallo
O xurado deu a coñecer este mércores o fallo Alberto Ramos

O xurado deste premio, formado por alumnado de Bachillerato, reuniuse este mércores no IES Rosalía de Santiago

24 oct 2024 . Actualizado a las 13:20 h.

Hotel carioca (Galaxia), de Antón Riveiro Coello, en novela en galego; Literatura infantil (Anagrama), de Alejandro Zambra, en lingua castelá; e El retrato de casada (Libros del Asteroide), de Maggie O'Farrell, como novela internacional, impuxéronse na 28.ª edición dos Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, organizado polo IES Rosalía de Castro e que conta coa particularidade de que o xurado está formado por alumnado de Bachillerato, nesta ocasión, de dez centros educativos: seis galegos, un de Madrid e tres a nivel internacional (Francia, Alemaña e Reino Unido).

O xurado considera Hotel Carioca, de Antón Riveiro Coello (Xinzo de Lima, 1964), unha «obra redonda, moi ben construída e escrita que merece a pena ler». Engade que xera «unha intriga constante, con moitos xiros, que logra que os lectores e lectoras manteñan unha atención continua». A obra do autor de Xinzo impúxose a Diario de dúas casas (Euseino?), de María Villamarín; e a O ano das mazás (Xerais), de Montse Ferreira Fervenza.

Apertada estivo a decisión sobre a gañadora no apartado de lingua castelá, xa que a obra de Zambra (Santiago de Chile, 1975) acadou un voto máis que No te veré morir (Seix Barral), de Antonio Muñoz Molina. Tamén moi preto quedou La naturaleza secreta de las cosas de este mundo (Anagrama), do arxentino Patricio Pron. O xurado incidiu na «universalidad temática» de Literatura infantil, da que tamén resaltou o «estilo sencillo que facilita la identificación con los personajes, sobre todo con el protagonista». Outro dos aspectos nos que fixeron fincapé foi o dinamismo na redacción e na presentación da obra.

El retrato de casada, de Maggie O'Farrell (Irlanda do Norte, 1972), conquistou ao xurado na categoría de lingua estranxeira pola «tensión que incita a seguir lendo», así como pola súa linguaxe poética. Á hora de explicar o ditame, destacan que a autora ten un xeito de describir os sucesos coa que un se pode identificar a pesar de estar ambientada no século XVI, así como o feito de que fai fincapé no concepto de liberdade. Ademais, resaltan que O'Farrell idea «unha forma renovadora de redactar a novela histórica». El retrato de casada venceu a Una salida honrosa (Tusquets), do francés Éric Vuillard; e a Miradnos bailar (Cabaret Voltaire), da francomarroquí Leïla Slimani.

O xurado reuniuse este mércores no IES Rosalía. Ademais de estudantes do centro organizador participaron como xurado alumnado dos institutos do Sar (Santiago), Brión, Aquis Celenis de Caldas de Reis, Gregorio Fernández de Sarria, Universidade Laboral de Ourense e Ramiro de Maetzu de Madrid. No apartado internacional estiveron estudantes do Lycée Santi François Xavier de Vannes (Francia), do Grimmelshausen Gymnasium de Gelnhausen (Alemaña) e do Hockerill Anglo European College de Reino Unido. «Non son xurados tradicionais, convencionais, non son críticos literarios, senón que son alumnos e alumnas que debaten con outros da súa idade sobre literatura, un ben prezado que temos todos á nosa disposición, pero que, ás veces, non a gozamos como deberiamos», afirmou a directora do centro compostelán, Gemma Paredes. Precisamente, nesas características especiais do xurado tamén incidiron o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o secretario xeral técnico de Educación, Manuel Vila: «É un dos xurados máis esixentes».