«Los rostros que tengo», libro póstumo de Nélida Piñon

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Nélida Piñon (Río de Xaneiro, 1934-Lisboa, 2022). Á esquerda, portada do libro.
Nélida Piñon (Río de Xaneiro, 1934-Lisboa, 2022). Á esquerda, portada do libro.

A escritora brasileira, con raíces en Cotobade, volve neste volume sobre as súas orixes e percorre de novo o camiño que a levou á literatura desde a nenez

01 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O recente pasamento de Nélida Piñon (Río de Xaneiro, 1934-Lisboa, 2022) deixou orfa a literatura brasileira, pero tamén os lectores do mundo, e moi especialmente os galegos, que xa a tiñan por unha veciña máis, como foron os seus avós Daniel e Amada, naturais de Cotobade, onde ela mesma pasou dous anos da súa infancia e que sempre lembrou como o tempo máis feliz. Neta e filla da emigración, seguirá moi presente entre quen a quere e continúa a desfrutar das súas poderosas narracións. O selo Alfaguara —que acolle boa parte da súa obra traducida ao castelán— publicará o 7 de novembro Los rostros que tengo, libro póstumo da autora da magna novela A república dos soños, coincidindo coa proximidade do segundo aniversario da súa morte, que se cumpre o 17 de decembro. Premio príncipe de Asturias das letras 2005, a escritora volve neste volume sobre as súas orixes e percorre de novo o camiño que a levou á literatura desde a nenez. En 147 breves capítulos, nunha celebración da vida, relata a súa paixón pola creación, profunda no sentido de pertenza a un territorio, e canta o seu amor á música e á arte a través de episodios e lembranzas dos seus amigos máis íntimos, adianta a editora. Piñon entregou o texto dous meses antes de falecer, elixindo un adeus luminoso e cheo de color, nunha especie de diario existencial que irradia coñecemento, humanidade e revela a súa face máis íntima. O milagre da súa chegada ás letras non é algo fantástico, senón unha mestura de coincidencias e descubrimentos coa axuda da xente que a rodea e a apoiou nesta vocación.