Visíbel e invisíbel

CULTURA

Celebración da noite meiga en Ribadavia.
Celebración da noite meiga en Ribadavia. Santi M. Amil

06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembro que de neno nesta época do ano sempre iamos á aldea. Era tempo de honrar os defuntos, e na miña casa así estaba establecido. Tratábase dun período invernal e escuro que a min non me chistaba moito. Alí pasaba medo: entre a pouca luz que había, os ruídos da propia casa e as decoracións relixiosas, lembro momentos de pouco agrado. Menos mal que tiña o acubillo máis ou menos tranquilizador de avós e pais. Trátase dun intervalo entre o mundo visíbel e o invisíbel con toda a súa significación. Algo non doado de entender para aquel neno de cidade, mais, a medida que pasaban os anos, íame integrando á importancia que se lle daba ao ritual e deixando atrás os medos propios do descoñecemento. Era o comezo do período escuro no calendario ritual céltico.

Lembro o meu tío Eladio de Maceda, en Ourense, que baleiraba as cabazas, ás que lles facía unha cara, metíalles unha candea e colocábaas nalgún cruzamento de camiños ou no alto das escaleiras da casa. Tamén aqueles colares de zonchos que me facía a tía Remedios, cos que eu campaba pola miña rúa na Coruña. Tradicións coincidentes en diferentes lugares da área atlántica. E así fun relacionando esta festa que sempre coñecín como Defuntos ou Todos os Santos con aqueloutras que descubrín na cultura celta como Samhain ou, na versión galega, Samaín. Unha denominación que se foi asentando en Galicia a través de diferentes persoeiros e asociacións culturais coa idea de integrar ese tempo coas nosas tradicións, tentando resistir o empuxe do cinematográfico, mediático e americanizante Halloween.

A cousa é que esta celebración que consideramos tan allea é a evolución cristiá do Samaín que en Escocia, Irlanda e noutros lugares pasou a ser chamada All Hallows’ Eve [Todos os Santos], que, contraída, quedaría en Halloween. A tradición foi levada a América por emigrantes escoceses e irlandeses, e o que nun primeiro momento era moi semellante ao de aquí pasou a ser unha gran montaxe comercial. Polo tanto, eu prefiro os nomes que coñecín na miña aldea, e, postos a elixir entre os outros, prefiro Samaín, máis que nada polas derivadas que colleu Halloween co tempo, pero ao cabo…