Poesía toponímica

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

13 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Éo da poesía toponímica un xénero literario moi pouco comentado, pero existen textos en verso, tamén en galego, protagonizados por topónimos, por nomes de lugares vencellados á matria do poeta ou á súa infancia. Nalgúns casos, eses nomes, eses topónimos, ás veces de ignoto significado, teñen unha especie de alma, teñen —dito en latín— numen, un certo aquel que os relaciona cunha deidade.

Foi Otero Pedrayo (escritor, en parte, por descubrir) quen, en 1935, publicou un insólito ensaio filolóxico que, titulándoo Marxinalia aos Queixumes”, subtitulou Nomina, numina. Era o centenario de Pondal, o autor de Queixumes dos pinos, libro no que o lector don Ramón bateu con nomes dos que «lembraremos o engádego podente da toponimia...». Escolmo, daquel estudo, tres exemplos: «Ponte-Dona: xentileza de Misia Ponte, etiqueteira fidalguiña» / «Nemiña: as musas latinas bébedas de sal atlántica» / «Brandomil: a sonata romántica».

Estando neste lembrar, recibo de Enrique González Muñoz, exalumno meu que reside en Badalona, un xeitoso poema titulado Sinfonía dos nomes, que, en corenta versos oitosílabos, acolle noventa e oito topónimos do seu municipio natal, Castroverde (Lugo). Nesta evocación onomástica tamén hai señardades de quen leva décadas transterrado. Son topónimos que, «despois de moitos anos / aínda baten forte en min». Sobre os topónimos dixo, no ano 1980, un excelso poeta da Limia, Antón Tovar, verbo da cuestión na época de Franco: «Borraron os letreiros dos camiños / cos ben amados nomes das antergas vilas, / dos silabarios das escolas algareiras / borraron o cantar humilde e puro / da lingua popular». O noso poeta de hoxe, Enrique González Muñoz, oíu e leu, moi novo, deturpacións como Tierra Llana (Terra Chá) e Niño de la Guía (Niñodaguia). Por iso o poeta, desde lonxe, sente e transmite o gozo especial cando soletrea os nomes enxebres das aldeas, das parroquias, dos eidos e das congostras da súa comarca natal. Por iso soan auténticos e sonoros topónimos como Soutomerille, Vilachá, A Gurpilleira, A Frairía, Mirandela, Regolongo, Recesende, Pereirama «e pechando... Castroverde».