Apalpador

Bieito Romero
Bieito Romero SON DO AR

CULTURA

17 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos 80, visitei Euskadi por primeira convidado por un amigo o instituto. Este rapaz, fillo de galegos emigrados, naceu en Donosti e recalou na Coruña cando destinaron aquí ao seu pai. El, aparte de amigo, é membro de Luar Na Lubre dende os seus comezos. Aquela viaxe foi en tren dende A Coruña e non lembro ben as horas que durou pero foron moitas. Coa ilusión coa que ía, teño unha bonita lembranza de desfrutar daquela da que era unha das primeiras saídas fóra de Galicia, eu soíño e a unha terra que me prestaba coñecer. Era preto do Nadal e reparei nas paisaxes das terras vascas que me chamaran a atención polo parecido e ao mesmo tempo polo diferentes que eran ás nosas. Pasoume igual coa arquitectura tradicional, coa simboloxía, coa gastronomía e mesmo coa música, todo tan parecido e tan distinto.

Polo tempo que cadraba descubrín un persoeiro tremendamente popular naquelas terras e que eu descoñecía. Un carboeiro mitolóxico que nesta época do ano baixaba das montañas para anunciar o paso dun tempo ao outro: símbolo do eterno renacemento do sol no solsticio de inverno. Quen sabe o que sería antes de ser carboeiro pero así foi como lles chegou, mais con diferentes adaptacións e coa axuda incondicional do cristianismo converteuse no seu tan querido Olentzero. Un persoeiro que anuncia o nacemento de Xesús e tamén agasalla á rapazada con regalos ao puro estilo Santa Claus/Papá Noel con diferentes matices. Nin por asomo lera ou escoitara eu falar de nada popular en Galicia destas características mais chamábame a atención o de porque alí si e aquí non. E pasou o tempo e apareceu a figura do Apalpador ou Pandigueiro, un personaxe propio das tradicións solsticiais e navideñas moi emparentado con outros europeos.

Etnógrafos e historiadores de recoñecido prestixio como Xesús Taboada Chivite téñeno documentado e o certo é que nos últimos anos foi collendo pulo nos nadais galegos. A verdade é que eu son máis de Reis Magos pero benvido sexa todo aquilo que aporte cultura e posibilidade de afondamento nas nosas tradicións, e se fomos capaces de asimilar a Papá Noel, seguro que tamén o poderemos facer co Apalpador, moito máis achegado a nós.