Máis de quince entidades unen forzas para reinvidicar a vixencia do seu legado
21 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O 7 de xaneiro cumpriranse 75 anos da morte en Bos Aires de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e para conmemoralo máis dunha quincena de institucións públicas e entidades sociais unen forzas. «Queremos que sexa non só un exercicio de respecto e de memoria, senón tamén unha homenaxe e unha celebración do seu legado, que segue vivo», resaltou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, despois do encontro na súa sede de representantes da comisión constituída para centralizar a programación deseñada.
Coas actividades que se desenvolverán a pretensión é «propiciar unha revisión do que xa sabemos de Castelao e tamén un avance no coñecemento da súa vida e obra, ademais dunha maior difusión para que chegue a todos os galegos». Nese sentido, profundou a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada: «Facemos isto para que todos os galegos e galegas coñezan a Castelao, que os nenos e nenas o lean e que todos os maiores coñezan a súa obra porque non se pode querer o que non se coñece. Ademais, pretendemos que a través de Castelao coñezan o que el máis quería: o país que temos».
Esta programación «cívica, plural e aberta a todo o mundo» terá o seu comezo oficial, precisamente, o día 7 co acto cívico que a Fundación Castelao celebra anualmente en Bonaval, onde repousan os restos do pintor, escritor, humorista e político nado en Rianxo. Unha ofrenda floral, diferentes intervencións e música convivirán nun encontro que nesta ocasión acadará unha maior dimensión. O presidente da entidade, Miguel Anxo Seixas, fixo fincapé en que «Castelao chámanos e únenos a todos». Así, un dos aspectos que subliñaron os membros desta comisión que se reuniu en Santiago é que se poden incorporar á programación todos aqueles que o desexen. «Fago un chamamento á participación das entidades, pero tamén á sociedade porque estamos ante unha das figuras fundamentais da cultura galega xunto con Rosalía», remarcou o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.
Toda a programación estará recollida nun portal web —www.castelao2025.gal— que terá acceso aberto a partir do 1 de xaneiro. Aí, xunto aos actos, tamén se poderá atopar documentación sobre a figura de Castelao. Deste xeito, séguese o exemplo do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Desta volta, participan na comisión o Parlamento galego, a Consellería de Cultura, as catro deputacións, as tres universidades públicas, a Real Academia Galega, a Real Academia Galega de Belas Artes, o Museo do Pobo, o Museo de Pontevedra, a Fundación Castelao e os concellos de Pontevedra, Rianxo e Santiago, así como o Consello da Cultura, que exerceu de anfitrión.
Homenaxes, proxectos dixitais e mostras por toda Galicia
As actividades que están programando as distintas institucións e entidades van desde homenaxes e publicacións ata proxectos dixitais, xornadas e exposicións. Algunhas das propostas xa as foron avanzando onte os distintos representantes, pero iranse sumando máis ao longo das vindeiras datas. Así, ademais da homenaxe o día 7 co acto institucional, en Rianxo haberá o día 1 de febreiro a tamén tradicional ofrenda diante do busto de Castelao.
Para difundir o seu legado, serán varios os proxectos que se poñan en marcha na rede. Ademais do portal web conxunto, o Consello da Cultura contará na súa web con todo o fondo relacionado con Castelao. No caso da RAG, segundo avanzou o seu presidente, Víctor Freixanes, entre as propostas, incluirán doce pezas comentadas por membros da entidade.
En canto a mostras, o Museo do Pobo acolle 75.º cabodano da sinatura de ‘‘As cruces de pedra na Galiza’’, que estará ata o día 28 e despois se trasladará ao Museo de Lugo. Seguiralle Castelao: o retorno. Galicia, 1984. Xan Carballa, fotografías, que procede do Museo de Pontevedra e logo viaxará a Lugo. O Concello de Rianxo abrirá o 17 de xaneiro a mostra Os homes, por Castelao, e o Museo Provincial de Lugo, tamén o vindeiro mes, Castelao de Sempre en Galiza ao Consello de Galiza. Non faltarán as conferencias e xornadas, así como espectáculos. A Cátedra Castelao da USC anunciou que publicará o epistolario que o intelectual galeguista mantivo con Rodolfo Prada, con cartas inéditas.