Por tradición e influxo familiar declárome seguidor dos chamados Reis Magos de Oriente dos que, por investigación, aprendín que nin eran tres nin eran reis aínda que poida que quizais si fosen magos ou sabios chegados dende o Oriente co motivo de visitar a Xesús recén nacido. Moito simbolismo agochado é o que hai asociado aos portadores dos tres agasallos dos que neste detalle en particular si hai unanimidade. Ouro, como excelso metal precioso por realeza. Incenso, como resina aromática asociada a eventos espirituais importantes por divindade. E mirra, a máis descoñecida das tres ofrendas, que é unha substancia resinosa aromatizante empregada habitualmente para embalsamar aos mortos, a xeito de vaticinio do que sufriría, morrería e resucitaría este neno para salvar á humanidade.
Ao tratarse de tres agasallos houbo quen interpretou que deberían ser tres os portadores dos mesmos, mais isto non está claro nin escrito en ningures. Por outra banda, o número 3 é un dos números simbólicos máis significativos e especiais en moitas culturas antigas, incluso tamén na cristiandade, e así foi quedando. A cuestión é que só no Evanxeo de San Mateu existe unha cita sobre estes sabios chegados dende o Oriente, e que guiados por un fenómeno astronómico foron quen de chegar ata onde nacera Xesús. O resto do que sabemos popularmente na actualidade son interpretacións variadas que se foron desenvolvendo no transcurso da historia de moi diferentes maneiras.
O mesmo sucede cos seus nomes, Melchor, Gaspar e Baltasar, que ate o século VI non quedan plenamente establecidos, igual que a decisión de que Baltasar fose negro, que neste caso demorou ata o século XIV. Desa arrevesada mestura de lendas, tradicións populares e feitos bíblicos, xorde a potente imaxe proxectada a día de hoxe da festa da Epifanía, que no referido a España e a algúns países sudamericáns transcendeu chegando a converterse en algo popular e prezado. Festividade de gran arraigo que ata ten un postre propio, o roscón, de posíbel orixe nas antigas e pagás saturnais romanas con posteriores influencias francesas. Foi introducido en España por Felipe V no século XVIII e acada máxima popularidade no XX.