Xabier Díaz honra as cantareiras amosando 54 vídeos de recollas realizadas entre os anos 1989 e 2011
CULTURA
Trátase dunha escolma de máis de 500 entrevistas/gravacións, feita polo músico «con moito cariño para dar a coñecer o gran legado que deixaron estas artistas» e que irá subindo ás súas redes cada venres
10 ene 2025 . Actualizado a las 09:43 h.Xabier Díaz, músico e investigador, presenta a partir deste venres unha colección única de 54 vídeos (amosará nas súas redes sociais un cada venres) que recollen o patrimonio inmaterial das cantareiras galegas, un labor realizado entre os anos 1989 e 2011. Trátase dunha escolma de máis de 500 entrevistas/gravacións, feita «con moito cariño para dar a coñecer o gran legado que deixaron estas artistas».
Coincidindo coa dedicatoria das Letras 2025 ás cantareiras e o patrimonio oral transmitido de xeración en xeración, rende «homenaxe ao labor e á xenerosidade das persoas que gardaron e compartiron a riqueza da nosa música e o noso baile». Díaz uniuse daquela a un grupo que dedicaba fins de semana e vacacións a percorrer as parroquias: «Pensabamos —lembra— que o folclore era unha sorte de testamento da tradición, e a miña sorpresa foi ver que non era tal, senón algo que estaba vivo, que fluía e que estaba en permanente transformación, como segue hoxe». Empezou Díaz a ter un contacto con ese mundo moi estreito e intenso, o que o levou a reflexionar respecto da tradición, da música, do baile, o que o converteu nunha especie de aventureiro, como el sinala, «case de personaxe dunha novela de Verne», ao que lle van acontecendo todo tipo de anécdotas. Aquela tarefa foi para el unha auténtica revelación; o coñecemento que transcendía o musical, converténdose, como di, «nunha escola da vida».
As gravacións realizáronse de forma extensa en toda Galicia, percorrendo as catro provincias, e noutros territorios limítrofes como Os Ancares leoneses, Zamora e Asturias. Visitaron lugares e volveron a outros especialmente fértiles, como Bergantiños, Mondariz, Soutomaior, Os Ancares e o sur de Ourense. Atoparon así persoas que lles indicaban novos nomes de cantareiras, bailadores e músicos, alimentando de xeito natural unha rede de coñecemento que excedeu as fronteiras.
Na entrega inicial, Rosa e Aida Garrido, en 1998, amosan o Canto de sachar o millo, na parroquia de Moscoso, en Pazos de Borbén.