«Ariel», última película de Lois Patiño, estrearase no Festival de Cine de Róterdam
CULTURA
![Fotograma do filme de Lois Patiño «Ariel».](https://img.lavdg.com/sc/DV6jsgAtLn03OubbROwe72Aa7Z4=/480x/2025/01/17/00121737143641498790250/Foto/j_20250117_205229000.jpg)
O filme narra a historia de Agustina Muñoz, unha actriz arxentina que arriba ás illas Azores para traballar na montaxe que a compañía galega Voadora produce de «A tempestade» de Shakespeare
18 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ariel, último filme do realizador vigués Lois Patiño, terá a súa estrea mundial no Festival Internacional de Cine de Róterdam (IFFR) o próximo 1 de febreiro na sección Harbour, un espazo reservado para todo o cine contemporáneo que identifica o certame.
Segundo detalla a produtora Filmika Galaika, a película narra a historia de Agustina Muñoz, unha actriz arxentina que arriba ás illas Azores para traballar na montaxe que a compañía galega Voadora produce de A tempestade de Shakespeare. Pero, á súa chegada, tras un estraño suceso no ferri, comeza a observar comportamentos singulares nos habitantes da illa. A aparición dunha nena, Ariel, guiaraa por ese lugar onde o real e o imaxinario, o onírico e o espectral, parecen fundirse nun espazo ambiguo.
Coprodución galego-portuguesa das firmas Filmika Galaika e Bando à Parte, rodada nas Azores, con guión de Patiño e fotografía de Ion de Sosa, a cinta está protagonizada por Agustina Muñoz e Irene Escolar, xunto cos membros da compañía Voadora Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz.
«O proxecto xorde —explica Patiño—, xunto con Matías Piñeiro, do desexo de explorar A tempestade de Shakespeare desde a perspectiva do personaxe de Ariel [o espírito do aire]. Pero, pouco a pouco, abriuse ao resto da obra do autor, para reflexionar sobre como e desde onde a poesía, a humanidade e a profundidade dos textos de Shakespeare poden hoxe interpelarnos».
A tempestade é a última obra do autor inglés e contén un monólogo que se ten interpretado como a despedida de Shakespeare do seu público: un xogo entre persoa e personaxe que tamén indaga o filme de Patiño. Tamén é a obra do bardo de Avon onde hai unha maior presenza da natureza, e esta relación entre palabra e paisaxe é outra das sementes das que medra o proxecto, incide o cineasta.
«O obxectivo de Ariel é alcanzar súa liberdade, e hai no texto moitas reflexións arredor deste concepto, tamén desde lecturas colonialistas. Quería profundar —di Patiño— na liberdade tamén desde o medo á liberdade e a invitación á aventura de vivir. Os nosos personaxes, conscientes da falta de libre albedrío dentro da obra e cheos de dúbidas existenciais, debaterán esta idea».