Trátase do diario escrito por Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ben-Cho-Shey) nos primeiros días da sublevación militar do 36; daquela, el era inspector de primeiro ensino en Lugo e presidente do Partido Galeguista. Certamente asombra que se publique, case noventa anos despois, este orixinal, preciso e conmovedor diario, un dos máis importantes no seu xénero naquelas datas. Edítao, e cómpre agradecelo, a Deputación de Lugo a partir do manuscrito orixinal obrante na de Ourense, que é a institución que custodia o rico arquivo literario do autor ourensán. Con bo criterio, os editores tamén nos ofrecen —en facsímile— as 47 páxinas manuscritas do orixinal, ademais de 112 notas utilísimas, algunhas froito de minuciosa erudición (Xoán Ramiro Cuba Rodríguez, Xosé Brais García Fernández, Mercedes Salvador Castañer e Iria Varela Fernández).
Sería útil, para non poucos lectores, que este equipo de investigación ofrecese algúns datos da biografía luguesa e non luguesa do diarista Xosé Ramón Fernández-Oxea (Ourense, 1896-Madrid, 1988): o seu afervoado galeguismo, as altas responsabilidades no partido, os meses nos que estivo (en Lugo) suspendido de emprego e soldo, o éxodo, forzoso, como inspector a Cáceres (un xeito de castigo atenuado)... Porque é este, o republicano don Xosé Ramón, o galeguista don Xosé Ramón, o expedientado inspector..., quen escribe, día a día, sobre o que ve e o que oe en Lugo desde o 19 de xullo de 1936 ao 21 de agosto, sempre co corazón magoado.
O diarista anota, acotío, os fusilamentos, as execucións e outras atrocidades que acontecen en Lugo, e tamén noutras cidades de Galicia, nomeadamente en Ourense, a súa cidade natal, onde residen don Pío, seu pai, e Teresa, a súa irmá, que o informan dos tráxicos sucesos. Sorprende, ás veces, que o noso autor se desenvolva na capital luguesa sen especiais problemas, debido, sen dúbida, a un dos responsables políticos da nova situación, «o Sr. Velayos, persoa de bon corazón», que o «tranquiliza» cando lle comunica que nada hai contra el, Ramón Piñeiro e Ánxel Fole. As cousas mudan cando, o 10 de agosto, «o Sr. Velayos..., demasiado blando», foi substituído por «un xefe pouco escrupuloso».