Ramón Villares: «Sen Castelao sería imposible a existencia do Consello de Galiza»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O profesor Villares desenvolveu a súa conferencia na Casa Galega da Cultura, en Vigo.
O profesor Villares desenvolveu a súa conferencia na Casa Galega da Cultura, en Vigo. Xoán Carlos Gil

O historiador chairego reconstrúe a conformación do Goberno galego no exilio e reivindica a importancia do seu legado para a Transición

23 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coincidindo co inicio das actividades do Ano Castelao, que conmemora o 75.º aniversario da súa morte, ocorrida en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950, a Fundación Penzol acolleu unha conferencia de Ramón Villares titulada O Consello de Galiza, Goberno galego no exilio. O catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, que foi presentado polo presidente da Fundación Penzol, Manuel Puga, adentrouse nos procesos levados a cabo polo exilio galeguista en Sudamérica para manter a identidade política acadada tras a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en xuño de 1936.

«O Consello de Galiza foi unha proposta realizada por Castelao e outros deputados galegos no exilio que tivo como finalidade a equiparación de Galicia con Cataluña e con Euskadi, que xa dispoñían, primeiro de goberno e despois duns consellos nacionais que tiñan o obxectivo de preservar a súa identidade política no contexto do exilio republicano. A proposta de Castelao está en coherencia co que sucedeu durante a Segunda República, cos procesos autonomistas e coa elaboración do estatuto, que no caso de Galicia non chegou a tempo. Foi un esforzo por equiparar institucionalmente e politicamente Galicia», explicou o profesor ante un auditorio da Casa Galega da Cultura de Vigo co aforo completo. Entre os asistentes atopábase Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega

Villares puntualizou que a creación do Consello tivo unha acción limitada pola carencia de recursos que padecía, pero si tivo un alto valor simbólico polo que significaba de manter a vontade política do autonomismo galego. «Iso permitiu que Castelao puidese ter unha visibilidade maior dentro do exilio e despois puidera participar nas reunións das Cortes en México no ano 1945, nas que intentou, con pouco éxito, traer de novo o debate do estatuto de autonomía ao estadio parlamentario, pero si foi finalmente elixido membro do Goberno republicano no exilio», lembrou o historiador.

Testamento galeguista

Villares considera fundamental a participación de Castelao naquel proceso. «Sería excesivo dicir que só foi el, pero Castelao foi esencial», afirmou para subliñar as virtudes políticas do rianxeiro. «Primeiro está a súa capacidade de locución política, e despois, a súa capacidade para deixar por escrito, como foi con Sempre en Galiza, un testamento dunha gran envergadura para que as xeracións seguintes puidesen beber del; sen Castelao, probablemente, sería imposible que houbera mesmo o Consello de Galiza».

O investigador chairego quixo pór en valor a importancia que a constitución desta institución e do goberno no exilio tiveron na transición democrática de finais dos anos 70. «Galicia, ao igual que Cataluña e o País Vasco, está nesa disposición transitoria da Constitución española na que se di que aqueles territorios que no pasado plebiscitaron de forma positiva un estatuto de autonomía tiñan a oportunidade de acceder de forma máis rápida á constitución dun réxime de preautonomía. É un dos poucos sinais que fai a Constitución do 78 ao pasado republicano, e o feito de que aí estea Galicia, xunto a Cataluña e País Vasco, é consecuencia do proceso autonomista da Segunda República, pero tamén do labor, sobre todo de Castelao, no exilio e da existencia do Consello de Galiza», sinalou a La Voz Ramón Villares.

Durante a súa conferencia, o catedrático emérito lembrou que o Consello de Galiza desenvolveu unha tarefa de preservación da tradición política que os deputados galegos mantiveran na súa terra, ao tempo que preparaban o seu regreso. «En 1944, ou en 1945, Castelao aínda mantiña a esperanza de retornar, pero xa pouco antes de morrer era practicamente inviable, de modo que o Consello de Galiza, igual que os outros dous, non podía lexislar pero si podía preparar e dar unha alternativa de futuro para o galeguismo», argumentou.

Tras a morte de Castelao, o Consello de Galiza mantivo relacións con institucións, participou nas reunións das Cortes republicanas no exilio e chegou a estar no Goberno cando este se trasladou a París. Villares anotou que as relacións entre o exilio e o galeguismo interior foron difíciles. «A influencia do Consello dentro da política galega foi débil. En xeral, todos os exiliados mantiveron relacións bastante difíciles co interior debido a que a visión que se tiña desde o interior e a que se tiña desde o exterior era bastante distinta», insistiu o historiador de Xermade.