Cando Fernández-Oxea redacta o seu diario, xa cumprira corenta anos, era sincero católico e estaba lonxe de ser un esquerdista radical; era, máis ben, un home de centro, como se diría hoxe. Pero era —sempre o foi— un home bondadoso, un home que, coa súa bondade, perceptible para calquera, gañaba o respecto de persoas moi diversas. Isto, unido a algunhas máximas evanxélicas, case universalmente respectadas, converteu a aquel cidadán católico e non revolucionario nun cronista das primeiras atrocidades franquistas que cómpre ter moi en conta.
É antolóxico o capítulo referido ao 15 de agosto de 1936, cando recibe a noticia de que Bóveda fora condenado a morte, data na que non pode evitar escribir: «¿Será posible que Deus consinta que se cometa ise horrendo crime...? Si en Galicia houbese homes conscientes abondaba a morte do Bóveda para que se erguesen ata as pedras. Bóveda será o primeiro mártir da nosa relixión galeguista e o seu sangue será fecundo para a salvación da Terra». Son palabras que preludian textos que, algo despois, escribiría o corazón magoado de Castelao.
Pero a pluma de Ben-Cho- Shey deixa a elexía para politizar a súa crónica: «¿E cal será a aititude dos chamados galeguistas de dereita? ¿Que pensarán ises homes que ata onte chamaban irmán a Bóveda? ¿Qué clase de concencia terán os que como o Filgueira, o Risco, o Vilarelle, o Otero e quizais outros sigan apoiando ós rebeldes que cometen crimes tan horrendos?». Ben-Cho-Shey, bondadoso, católico e non exento de inxenuidade, na súa consternación ou no seu alporizamento, non exime a don Ramón Otero Pedrayo.
O atribulado cronista dimite como tal o 21 de agosto de 1936 con esta reflexión: «Son tantas as barbaridades que a diario se cometen, tantos os asesinatos que se fan cada día que a pluma xa se resiste a comentalos i eu renuncio a seguir iste diario... Dios nos dé a paz e tranquilidade que nos cómpre». Hai, no diario, outro tipo de noticias, como a consignada o 29 de xullo: «Hoxe entraron a traballar algús peós na obra da Praza de Abastos, pero siguen en folga tódolos da construcción». Heroica actitude daquela!