Das cantareiras ás Tanxugueiras: a RAG celebra a vixencia da «alegría de vivir» este 17 de maio

CULTURA

rag
CESAR QUIAN

A Academia recolle o «pulso» da música popular «que o peta nos festivais»

10 feb 2025 . Actualizado a las 21:11 h.

«Este é un país moi dado á depresión, o ceo está caendo encima das nosas cabezas moitas veces. Pero temos a poción máxica de renovación do novo canto, cheo de vida, de forza, de alegría. Iso é o que queremos traer, por iso estamos orgullosos e preocupados, queremos estar á altura da expectativa social», confesou o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, durante a presentación dos actos cos que celebrarán «o ano das Letras Galegas, porque xa desde hai tempo é máis un ano que un día», valorou. Este 2025 ten ás cantareiras cuxa literatura popular inspirou á propia Rosalía de Castro como protagonistas.

A institución que vela pola lingua do país ponse así o reto de sacar do «anonimato heroico e marabilloso» a esas «mulleres que souberon transmitir de xeración en xeración a alegría de vivir», reivindicou Freixanes. Ao mesmo tempo, queren tenden unha ponte, trazar unha viaxe ao presente e futuro.

«A elección demostra que a Academia está a recoller o pulso de algo que se está a producir na sociedade. Nos últimos anos, vemos un rexurdimento da música tradicional, grupos que o están petando nos festivais de verán. Iso vén de algures, non vén da nada. De Leilía, a Milladoiro, Fuxan os Ventos ou Xabier Díaz pasando por Fillas de Cassandra, Mondra, Tanxugueiras ou Baiuca», citou a académica Ana Boullón, unha das promotoras da candidatura das cantareiras.

«A tradición non é só unha cuestión arqueolóxica que debe recollerse no cancioneiro, está para ser reinventada e reexpresada polas novas xeracións e as súas linguaxes. A regueifa é o noso rap bravú», continuou argumentando Boullón na rolda de prensa celebrada na coruñesa Fundación Luís Seoane ( A Coruña), unha das súas sedes provisionais mentres seguen as obras na Real Academia.

Tres escenarios para a festa

A RAG proponse como reto este 2025 «convidar ao pobo galego a facer unha gran foliada». Entusiasmados pola cantidade de propostas recibidas, tres son as localizacións elixidas para celebrar o Día das Letras Galegas.

Malpica de Bergantiños, berce das Pandeireteiras de Mens, acollerá o pleno extraordinario e público do 17 de maio, onde Antón Santamarina, Ana Boullón e Xesús Alonso Montero pronunciarán as alocucións académicas.

A comunidade escolar de Cerceda, concello natal das cantareiras Rosa e Adolfina Casás, protagonizará o 10 de marzo a presentación de Primavera das Letras. Trátase do proxecto web da RAG que dirixe Fina Casalderrey para o público infantil e que ofrecerá, entre outros contidos, unha obra de teatro de Paula Carballeira, ilustrada por Nuria Díaz.

Despois, a finais de marzo, a Academia estreará Se canto é porque quero, a serie web codirixida por Damián Varela e Alba López Álvarez que conta coa colaboración do alumnado e profesorado do instituto de Muxía, que acollerá tamén actividades académicas cara ao final do ano.

Por último, o simposio das Letras Galegas 2025 afondará tras o verán en novas liñas de investigación sobre a poesía popular oral. A RAG personifica así a homenaxe ás cantareiras en Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e Teresa García Prieto, as catro integrantes das Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos. «Este será, en calquera caso, un ano para recoñecer tamén a contribución das dúas integrantes do grupo falecidas máis recentemente, Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, e de milleiros de mulleres que en cada aldea tiveron un papel destacado na creación e transmisión dun riquísimo patrimonio de tradición centenaria», sostivo Ana Boullón.

A RAG recoñece o papel da poesía popular, «porque a lingua non é só texto escrito», dixo Víctor F. Freixanes. «Se só soubésemos da lingua galega polos escritos, pensaríamos que estaba extinta desde o século XVI», remarcou Boullón, que lembrou unha copla de Eva Castiñeira. «Hei de cantar e hei de rir / hei de ser muller alegre / hei de mandar a tristeza para o demo que a leve».