No Diccionario da RAE empregan o sintagma «silencio atronador» para explicarnos o que é un oxímoro, e o sabio Lázaro Carreter, no seu Diccionario de términos filológicos, ofrécenos un exemplo da poesía clásica española, «la música callada». En efecto, se é música, non é calada. Agora está de moda o helenismo oxímoro, pero, ata hai pouco tempo, empregábase a locución latina contradictio in terminis, que os profanos entendían algo mellor.
Este exordio está motivado por un artigo dun xornal da Galicia setentrional, no que se afirma: «Dicir poesía popular é un oxímoro, unha contradición nos termos». O autor, letraferido de notables virtudes como escritor, está no ronsel dun ilustre home de Letras que se chamou Marcelino Menéndez Pelayo (1856-1912), quen, nun xuvenil libro seu, Horacio en España (1876), chegou a sentenciar: «Si los cantares son populares, no son buenos, y, si son buenos, no son populares». Eu debato co sabio polígrafo nun libro meu que se titula Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego (Galaxia), e debato para defender a entidade literaria, a substancia poética de moitas coplas ou cántigas, entre elas os cantares que suscitaron boa parte dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro, libro que don Marcelino, penso, non chegou a ler. Non estaba só Menéndez Pelayo: concordaba con el don Juan Valera, escritor de intelixencia e erudición non desdeñables no seu tempo (1824-1905).
Pero por aquel tempo xa agromaban voces como a de don Antonio Machado y Álvarez, de pseudónimo Demófilo, máis atentos á améndoa poética de tantas e tantas cántigas da poesía popular. Un fillo del, Antonio Machado Ruiz, no seu Juan de Mairena, de 1936, avisaba: «Si vais para poetas, cuidad vuestro folclore».
Foi Rosalía de Castro, en 1863, quen conferiu estatus estético aos «cantares gallegos» por ela oídos e recolleitos e pousados «no meu corazón como harencia propia». Dos vinte e un que acolle e glosa, eu escollería este de tema amoroso: «Que a rula que viudou, /xurou de non ser casada,/nin pousar en ramo verde,/nin beber da iaugua crara». Hai verdadeiras alfaias poéticas.