Lavoisier e as croquetas

Juan L. Blanco Valdés BÁGOAS DE CROCODILO

CULTURA

17 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

nha das cousas máis suxestivas do labor editorial nunha universidade é a gran variedade de persoas e ámbitos profesionais cos que, forzosamente, é obrigado traballar. Entre outros moitos efectos, esta heteroxeneidade da clientela é a causa da lendaria cultura dos editores. Imaxine vostede que comeza a mañá intercambiando impresións cun autor sobre a fenomenoloxía de Husserl e a remata tratando con outro sobre o tapiz vexetal de Estremadura e colixirá doadamente que, ao cabo, un remata por saber moi pouco sobre moitas cousas. Ou sexa que, na verdade, a cultura dos editores académicos é tan vasta como epidérmica.

Sendo, así, que o editor é o centro, en canto coordinador, dunha constelación de profesionais (autores, tradutores, deseñadores, maquetadores, distribuidores, outros editores…) e que o abano temático dos libros que edita é tan amplo como o é a propia universidade, os contactos, por veces casuais, entre as diferentes áreas de traballo poden dar en resultados imprevisibles e, por demais, divertidos. Hai xa ben anos, unha mañá, solicitaba eu telefonicamente a un deseñador, bo amigo da casa, a confección da cuberta para o Tratado elemental de química, publicado na nosa excelsa colección de clásicos do pensamento en galego, de autoría do cidadán Lavoisier, xenial e poliédrico personaxe a quen, por certo, o Terror pagou ben amargamente os seus desvelos pola república pois en 1794 o seu malfadado pescozo coñeceu o artefacto fatal de monsieur Guillotin. Dos meus amigos líbreme Deus…

No decurso da conversa, comentábame que na súa casa paterna, anos 60 nos que non se desperdiciaba nada, sempre que había croquetas para comer, seu pai sinalaba con coña: «Home, hoxe temos Lavoisier!». De non mediar a explicación do meu amigo, xa me poderían escaldar con auga fervendo antes de acertar eu coa orixe da críptica expresión que relacionaba as saborosas bolas de bechamel co esgrevio químico. Resulta que a cousa vén do primeiro principio da termodinámica, atribuído con insistencia ao sabio francés, malia ter sido enunciado, como tal, con posterioridade: a enerxía non se crea nin destrúe, só se transforma. Claro, pensei: as croquetas! Sublime.