Brañas, o pai do primeiro galeguismo

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

A Fundación Alfredo Brañas conmemorou na súa vila natal, Carballo, o 125.º aniversario da súa morte, en 1900, un 21 de febreiro; Santiago tamén lle renderá tributo no Panteón de Galegos Ilustres 

20 feb 2025 . Actualizado a las 23:03 h.

«E de súpeto xorde un home estraordinario: Alfredo Brañas. Este gran patriota dálle á custión galega un pulo trascendental [...]». Son palabras dedicadas por Castelao ao xornalista, xurista, político e galeguista nado en Carballo en 1859 e falecido en Santiago en 1900, nun 21 de febreiro. Os de Alfredo Brañas foron só 41 anos de vida antes dunha prematura morte, suficientes para deixar vastísimos legado e obra que estes días cobran viveza con motivo do 125.º aniversario do seu pasamento, con actos de homenaxe repartidos entre a súa vila natal e Compostela, alí onde acabaría de desenvolver unha ideoloxía singular para a época e onde descansa no Panteón de Galegos Ilustres.

Adiantado ao seu tempo, lúcido, visionario. Efectivamente, Brañas foi ilustre carballés, de «enxebre vos ardente», dito por Ramón Cabanillas sobre o autor da «biblia» El regionalismo (1889), considerada a máis completa e estruturada contribución ao galeguismo, luz mesmo para «a cuestión catalana». Escritor de ensaio, mais tamén de sublime poesía, o traballo literario que el definiu no seu discurso do Banquete de Conxo (1890) «tan modesto e humilde como é o meu carácter», deixouno, non obstante, erixido como un dos referentes máis singulares para as letras, a escrita e o pensamento galegos. O seu, visto dende agora, era ben «complexo e poliédrico».

Canto de todo isto lle debe á semente de Carballo? Aquí «comezou todo», afirmou o deputado e voceiro popular do PPdG na vila, Rubén Lorenzo. Na casa natal da actual rúa Coruña, Brañas veu ao mundo no seo dunha familia burguesa, cun pai rexistrador da propiedade, e «nunha vila e comarca impregnadas de cultura galega», suficiente para marcar «a vida dun neno». Son palabras todas elas escoitadas este xoves na capital de Bergantiños, durante a primeira parte dun tributo promovido pola Fundación Alfredo Brañas que terá este venres continuidade cunha ofrenda floral en Compostela.

ANA GARCÍA

Ao pé da escultura a el dedicada, obra do recentemente falecido César Lombera, catro mozos do instituto que leva por nome o deste ideólogo leron pasaxes a el referentes, voces súas ou doutros, retrato en calquera caso de quen, segundo Maruxa Suárez, edila de cultura de Carballo (BNG), «soñou unha Galiza libre, orgullosa e dona de si mesma». Conduciu as intervencións María Baleato, coordinadora de Cultura do PPdG.

Un xerador de consenso

«Brañas segue a ser mostra do que tanto temos e queremos aprender», «un home con vontade de acadar unidade, algo nada doado, capaz de xerar consenso e simpatías entre persoas moi diferentes», «o pai do primeiro galeguismo, o tradicionalista», dixo Jorge Cubela, membro do padroado da fundación, deputado provincial de cultura e alcalde de Cerdedo-Cotobade. «Con só 41 anos abandonou este mundo para quedar con nós para sempre [...]. Consagrou a súa vida, obra e intereses a Galicia. Non esquecemos a Brañas, xamais o faremos», engadiu o popular, en sintonía coa reivindicación que fixo o PPdeG do seu legado, como motivación «para seguir traballando por Galicia coa unidade e o respecto que guiaron a nosa historia».

«Foi un galego comprometido coa súa terra, entendendo ese compromiso, non como exclusivo ou excluínte, senón como tarefa colectiva», engadiu a secretaria xeral do PP, Paula Prado. «Fixo nacer, dende aquí, o que hoxe coñecemos como Estado das autonomías. Soñou cunha Galicia mellor, bastante similar á que hoxe temos, con todas as posibilidades de mellora», afirmou Valentín García, secretario xeral da Lingua. Este «fillo fiel de Carballo», «figura insigne da historia de Galicia», foi este xoves ata materia viva de regueifa, con dúas das mellores voces de Galicia para facer tal cousa: Lupe Blanco e Suso de Xornes.

ANA GARCÍA

«Alfredo Brañas entendeu mellor que ninguén a necesidade de que Galicia tivera voz propia»

Deputados nacionais e autonómicos, alcaldes de Ponteceso e Laxe, concelleiros de A Laracha e de Carballo, Rosa Quintana, Gonzalo Trenor, veciñanza... A rúa Coruña da capital de Bergantiños foi este xoves pola tarde epicentro de memoria arredor de Alfredo Brañas, e así volverá selo este venres, ás 12.00, nun acto neste caso promovido polo instituto que leva o seu nome, pola asociación Lumieira e polo Concello, mais con idéntico obxectivo: renderlle homenaxe no 125.º aniversario da súa morte.

Ameazaba choiva, mais cando menos ata as últimas coplas dos regueifeiros Suso de Xornes e Lupe Blanco, aguantou. O ocasión non merecía menos: «O pensamento de Brañas arranca dende esta rúa», afirmou o secretario xeral da Lingua, Valentín García. María, Daniel, Paloma e León, voces mozas e en galego, ilustraron pasaxes do xurista carballés, porque entre as reivindicacións ou fachendas de onte, tamén estivo esa, que Brañas fose de Carballo, que un carballés descanse no Panteón de Galegos Ilustres. Correu esa parte a cargo de Rubén Lorenzo, deputado autonómico e líder do PP en Carballo: «É un pracer e unha satisfacción vervos a todos aquí hoxe, na miña vila», dixo antes de agradecer o esforzo «de axendas e loxística» por parte da Fundación Alfredo Brañas para que este tributo fose levado a cabo na súa vila natal. Desculpou Lorenzo a ausencia do alcalde, Evencio Ferrero, e tamén a de Alfonso Rueda, presidente da Xunta: «Sei que, de estar en Galicia, Carballo figuraría na súa axenda esta tarde».

Que tería pasado, tendo en conta a forza da súa obra, se Brañas vivise trinta ou corenta anos máis, e non só 41? Tamén esa pregunta a fixo Lorenzo sobre quen estivo detrás do «revulsivo» Banquete de Conxo. En Carballo, en Santiago, en Cambados, en Oviedo ou mesmo en Cataluña deixou pegada: «Alfredo Brañas entendeu mellor que ninguén a necesidade de que Galicia tivera voz propia. Dende o PPdG seguiremos traballando para que a voz de Galicia sexa escoitada no resto de España, fronte a un centralismo que busca diluíla e neutralizala e fronte a un independentismo que pretende encerrala dentro dos límites da comunidade autónoma», incidiu a secretaria xeral do partido, Paula Prado.

ANA GARCÍA

Un legado, dixo, a reivindicar no tocante tamén ao seu amor polo idioma, polo seu ensino nas escolas, ou por unha Academia da Lingua, como incidiu Jorge Cubela, membro do padroado da Fundación Alfredo Brañas. A regueifa de Suso e Lupe puxo fin ao encontro: chanzas sobre o parecido do de Xornes co político, a clase de historia de Valentín, a mocidade dun e do outro e, como non, o orgullo do legado herdado.