
Poetas, artistas e amigos conversan e renden tributo a unha das figuras máis senlleiras da literatura galega
23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Textos, ilustracións, poemas, imaxes e sons conforman este volume que non é unha homenaxe ao uso a Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938), unha das grandes figuras da literatura galega. A Enciclopedia ilustrada de Ferrín Arraiano trata de ir alén, «unha ferramenta imprescindible para descubrir todos os seus segredos, sempre abrindo novos camiños», escribe Aser Álvarez, coordinador da obra, que se presentará o martes 25 de febreiro ás 19.30 horas na librería Couceiro de Santiago e que contará tamén coa presenza de Anxo Angueira, Anxo Cabada e Xosé Luís Axeitos.
Arraianos é unha das mellores obras literarias de Ferrín, como explica Xosé Benito Reza, «un canto a ese mundo fabuloso e mítico que se ergue misterioso centos de metros por riba das aldeas onde viven os últimos seres humanos, ese mundo evocador e misterioso da raia ou a fronteira con Portugal». A recreación literaria deste espazo humano e xeográfico, adquire perspectiva e profundidade no percorrido da ficción a través de tempos e momentos históricos diferentes: a rebeldía do Exclaustrado de Diabelle contra a cesión do Couto Mixto á Coroa española a mediados do século XIX; a imposición ideal das autoridades republicanas en Ourense sobre os sublevados o 18 de xullo do 36; a violencia asasina das cuadrillas falanxistas nos primeiros anos da posguerra ou a persecución e captura de militantes galegos antifranquistas nos anos sesenta. Ó servizo dunha relativa unidade temática, pretendida na común referencia espacial do conxunto, Xosé Luís Méndez Ferrín emprega técnicas narrativas —ritmos, puntos de vista, construcións— moi diversas, ademais de facer un uso intencionado de formas dialectais do galego arraiano ou mesmo do portugués estándar.
«O universo prodixioso da raia galego-portuguesa non tivo demasiada presenza literaria no pasado; hoxe asistimos a unha potente valorización das terras fronteirizas que aparecen máis e máis na narrativa, na poesía e en diversas actividades identitarias así portuguesas como galegas», explica o propio Ferrín nunha das conversas que se recollen neste volume de homenaxe.
A Enciclopedia ilustrada de Ferrín Arraino pon tamén en valor a erudición filolóxica de Ferrín, o seu dominio do idioma e da palabra, tal e como lembra Fernando Ramallo: «A súa obra destila unha suculenta riqueza léxica, tan inusitada nos tempos actuais.» Ramallo explica que o seu legado érguese como un «faro luminoso» para todos os que, tanto no presente como no porvir, procuran comprender as formas e as funcións da linguaxe como un espello inequívoco da humanidade, reflexo do que somos e da realidade da que formamos parte».
«Isto non é un libro, ou si, ou se cadra é algo máis aínda», explica Aser Álvarez, impulsor desta homenaxe multidisciplinar, quen cre que non abondaba «cun dicionario de Ferrín clásico». Ao seu entender, era preciso algo máis, «unha porta ao alén polos misteriosos subeiros da poesía, unha apócema máxica para reconfortarnos coa tribo e para construírmos, entre todas e todos, a Galicia de hoxe, e, sobre todo, para traballar polo porvir», sostén.
Ferrín é un dos autores cume da literatura galega contemporánea. Poeta, narrador, ensaísta, ex presidente da Real Academia Galega, o escritor forxou un universo literario propio no que a fantasía se mestura coa realidade, polo que se lle adoita encadrar no chamado realismo máxico do noroeste, xunto a Cunqueiro. Militante da esquerda independentista galega, os seus posicionamentos ideolóxicos tamén se achan presentes na súa obra de maneira explícita. Proposto ao Nobel de Literatura en varias ocasións, foi galardoado cos premios da Crítica en Galicia, da Crítica española, o Ramón Otero Pedrayo e o Nacional de Literatura da Xunta.