César Cunqueiro vindica a crítica literaria libre dende o seu boletín mindoniense

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Estro Montaña, César Cunqueiro, Alonso Montero e Rexina Vega, na Fundación Penzol.
Estro Montaña, César Cunqueiro, Alonso Montero e Rexina Vega, na Fundación Penzol. Xoán Carlos Gil

A Fundación Penzol enxalzou o valor da publicación que edita o escritor, fillo de Álvaro Cunqueiro

06 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Abrangue esas cousas que son as miñas paixóns: a poesía, a historia e a crítica literaria», afirma César Cunqueiro (Mondoñedo, 1941) para referirse ao seu Boletín Literario Mindoniense. En torno a esta publicación anual, que naceu hai seis anos e non deixa de medrar —o último número supera as duascentas páxinas—, abriuse este mércores un coloquio na Fundación Penzol de Vigo. Xunto ao fillo do creador de Merlín e familia participaron no encontro literario o catedrático emérito Xesús Alonso Montero, a escritora e tradutora Rexina Vega e o profesor e crítico literario Estro Montaña.

César Cunqueiro emprendeu este traballo unipersoal partindo da idea da revista Die Fackel, que editou nos anos vinte o escritor austríaco Karl Kraus, aínda que Xesús Alonso Montero lembroulle que houbo en Galicia, a finais do século XIX, un proxecto similar baixo o título Nuevo Teatro Crítico que publicaba Emilia Pardo Bazán. No caso de Die Fackel, Karl Kraus, entre outras cousas, facía unha crítica feroz aos costumes e á política do seu tempo. «Está é unha revista editada con plena liberdade, porque en Galicia un dos problemas literarios existentes é que non hai crítica literaria, hai silencio ou eloxios, non existe máis. Así que non pasa nada por fuscallar no niño ou dar unha patada para axitar un pouco, e, se unha obra non é boa, pois non pasa nada por dicilo, sempre dende o respecto», argumenta Cunqueiro.

Dende o seu criterio, o poeta mindoniense creou no seu boletín unha sección chamada Bibliópolis, unha especie de cidade dos libros onde o «protector», é dicir, el mesmo, decide a aceptación ou a expulsión dos novos libros, sempre dende unha perspectiva satírica e humorística. Ao respecto, Estro Montaña dixo que Cunqueiro «ataca o canon literario, cuestiona moitas posicións da Real Academia Galega e defende as súas opinións sen cortarse nada e sen prestarlles atención aos intereses das editoriais desas publicacións que infantilizan a unha parte da poboación».

Traducións de poesía

Outra das seccións mimadas por César Cunqueiro é a poesía. O Boletín Literario Mindoniense achega en todos os seus números traducións de poesía doutras linguas. «Neste último número, por exemplo, hai un ensaio sobre Rusia linda con Deus, dun gran poeta romanés», explica. Neste aspecto, Alonso Montero subliñou a capacidade tradutora do seu amigo Cunqueiro, capaz de moverse en máis de vinte idiomas, algúns deles extraindoeuropeos. «Hai un fenómeno lingüístico e literario en Vigo», resumiu Alonso Montero para referirse a César Cunqueiro como poeta e tradutor.

O número sexto do boletín aborda tamén a figura de Álvaro Cunqueiro. «Os seus textos están practicamente publicados todos ao 95 %, pero nunca se pode dicir que alguén está perfectamente estudado, porque cada época ten un punto de vista diferente e aparecen novas ideas. Eu mesmo, nos estudos que fago sobre a obra de Cunqueiro, aplico diferentes teorías da literatura, e sempre hai puntos de vista novos, ou sexa que nunca se pode dicir de alguén que está estudado, por moito que se leve feito», afirma para explicar que neste novo número volva aparecer o seu pai.

O Boletín Literario Mindoniense ten unha tiraxe de 70 exemplares, que César Cunqueiro reparte entre un grupo escollido de intelectuais, profesores e xente interesada de Galicia, pero tamén doutros puntos de España. «Aquí xa sabes o que é o país; se fas un eloxio, poden chamarte por teléfono para agradecercho, e, se fas unha crítica, silencio total. Eu creo que a crítica axuda a avanzar, pero non está moi normalizada. É unha comunidade cativa e todos nos coñecemos e, por moito respecto que teñas, se dis algo que non che parece bo, non gusta», prosegue. «Estou xubilado e, aos meus 83 anos, como lle pasa a Xesús Alonso Montero, sitúome máis alá do ben e o mal. Eu procuro ser xusto e non ter prexuízos con ninguén. Os libros poden ser condenados a morte en Bibliópolis, pero é unha pena humorística, e non pasa nada por iso», engade.

Rexina Vega, que foi cualificada por Alonso Montero como «unha potente e valente escritora como poucas», falou da faceta como tradutor de César Cunqueiro, de quen se contou que pedía sempre aos amigos que viaxaban a países exóticos que lle trouxeran gramáticas e dicionarios das linguas minoritarias.