Fernando Vázquez: «Levo toda a vida pelexando por que se recoñeza aos músicos de Galicia»
CULTURA

En 40 anos de carreira traballou con 4.000 músicos galegos, lembra Vázquez Arias, que estrea 14 obras nun ciclo co que a Academia de Belas Artes lle rende homenaxe
09 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Con corenta anos de traxectoria no mundo da música, no que fixo «de todo», Fernando Vázquez Arias (Melide, 1957) séntese en plena forma. Xubilado hai ano e medio do ensino, afastado de clases, escolas e conservatorios, segue dirixindo orquestras pero, sobre todo, desborda entusiasmo ao falar do seu traballo como compositor, ao que agora lle pode «dedicar tempo como nunca antes». Unha faena de soidades, a da escrita no pentagrama, á que agora a Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) quere dar visibilidade social e render homenaxe coa programación dun ciclo monográfico en catro sesións que acolle a estrea de catorce pezas da súa autoría datadas entre os anos 2017 e 2024.
Terán lugar o próximo martes, 11 de marzo, e o 8 de abril e o 3 de xuño, porque a primeira xa se celebrou, o 14 de xaneiro, e nela quedaron claras as razóns polas que «Vázquez Arias tiña que estar aquí, no espazo Martes das artes, non só pola súa abundante produción, que fixo necesarias varias entregas, senón porque é un histórico da música clásica galega, como director e compositor, cunha moi longa carreira», enxalza o músico Juan Durán, académico responsable da área musical na Ragba e que coordina esta actividade. «Todos saben da súa valía —incide—, ten unha obra moi prolífica e abordou os máis variados xéneros, desde o sinfónico ao camerístico pasando pola ópera», aínda que o reducido tamaño do salón da Academia obriga a cinguir o repertorio a pezas para piano e formacións pequenas, ata o punto de que algunhas composicións para orquestra escoitaranse en versión de cámara. «Padecemos unha certa tendencia —prosegue Juan Durán— a pensar na música folk como a única xenuinamente galega, pero hai outras músicas galegas, en particular unha tradición galega de música clásica, dentro da música académica, na que temos figuras como Chané, Xoán Montes, Xosé Baldomir, Rogelio Groba... e na que Vázquez Arias está perfectamente inserto», afirma para encomiar o carácter polifacético do seu labor, nos campos da dirección (en bandas, coros, espectáculos, orquestras), a composición, a interpretación (como pianista) e a docencia (en asociacións, escolas, conservatorios).
No seu periplo profesional e nos máis diferentes ámbitos, relata Vázquez Arias, leva traballado cuns 4.000 músicos galegos. «Botei toda a vida —incide— xerando espazos para que os músicos galegos teñan oportunidades de formarse e de tocar, tamén de que soen as súas obras, pelexando por que se recoñeza aos músicos de Galicia, que a xente poida desfrutar das novas xeracións de rapaces pero tamén apreciar aos máis curtidos. Porque do que se trata é de que Galicia achegue ao mundo o seu potencial e talento musicais, que acaben soando e tocando en igualdade nas salas de concertos en todos lados. Non podemos conformarnos co que veñan amosarnos os de fóra, sen desprezar a importancia do coñecemento que nos traen». Creou e liderou os conservatorios municipais de Melide e Lalín, ou a Orquestra Sinfónica de Melide, coa que fixo incontables xiras e actuacións, e promoveu espectáculos, zarzuelas, óperas, programas musicais, galas americanas, rexistros discográficos...
Desa tarefa garda, en moitos casos, rexistros sonoros e audiovisuais: «Sempre fun un adiantado da produción, pode verse na TVG, que está emitindo parte dese fondo, e a xente sorpréndese cando percibe que está ante o traballo que eu fixen 10, 15 ou 20 anos atrás. Teño máis de 600 gravacións realizadas, e é agora cando estou a revisar ese legado, e buscando un sitio onde catalogalo e conservalo, incluídas as partituras de toda a miña obra, que abrangue máis de duascentas pezas escritas». Nunha primeira aproximación, abriu unha web para ir ordenando ese material, os vídeos, os datos e documentacións sobre as formacións, as orquestras, os intérpretes, os solistas... Ou fitos da historia recente como a Xove Orquestra de Galicia que dirixiu antes de que existira a Orquestra Sinfónica e a posta en marcha da Escola de Prácticas Instrumentais da Xunta.
«Traballaba en tres ou catro cousas distintas á vez, e téñenme chamado argalleiro, pero porfiabas e tirabas para adiante cos proxectos ou non se facían, porque ninguén —observa— te vén buscar á casa, e menos daquela».
«As orquestras profesionais non tocaron unha soa peza miña»
A maioría das composicións de Fernando Vázquez que se estrean na Ragba foron escritas, anota o autor, matinando nas raíces, «teñen que ver con Galicia, coa súa idiosincrasia, o folclore, a paisaxe, o noso fundamento, non son banais, nin oportunistas, son obras conceptuais que falan do noso lugar no mundo». O que pretende acadar, insiste, é unha música que identifique o país, erguer un patrimonio artístico e compositivo. «Sempre digo que hai unha música oficial, das grandes orquestras que teñen un orzamento enorme, e despois estamos os que temos que loitar arreo para botar a andar as cousas». Nese sentido, lamenta certo desdén por parte desas estruturas: «As orquestras profesionais da comunidade non tocaron unha soa peza miña, nunca, nin a Real Filharmonía nin a Sinfónica». Malia todo tivo sorte, di: «Traballei moitísimo, fixen o que quixen, aínda non sendo moito de pedir e de andar nos despachos», e, «pola contra», ata puido crear traballo. Por iso, demanda, as institucións deben comprometerse máis e poñer en valor o mérito. Lembra así que ten unha arela pendente, levar a escena, que se coñeza, a súa ópera Raíña Lupa, «unha obra que recrea unha lenda propia, con dúas horas e media de música, ballet, coro, orquestra grande e doce solistas, con drama, unha obra galega, de gran dimensión, que apela ao Códice Calixtino, que fala do Apóstolo e dunha muller poderosa, con garbo, unha muller de hoxe en día». Nega calquera elitismo no camiño andado para vindicar que el vén do popular, onde fincan as súas orixes: «Meu pai era músico, tiña una orquestriña de baile», rememora. É aí cando Vázquez conta que non ten problema ningún, por exemplo, en dirixir un coro afeccionado como Follas Novas: «Está moi labrado, vou con el tan seguro e satisfeito como se gobernara a Orquestra de Berlín. Séntome moi convencido do traballo que fago. Eu sei quen son, non son xenio ningún, son só un músico con moito traballo detrás de si», conclúe.