Tortilla de pataca

CULTURA

Detalle da preparación de tortilla de pataca en casa Germán, en Cambre.
Detalle da preparación de tortilla de pataca en casa Germán, en Cambre. César Quian

11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou seguro de que unha alta porcentaxe das persoas que van ler este artigo probaron nalgún intre da súa vida unha tortilla de patacas.

Non vou entrar na súa nomenclatura. Tampouco no eterno debate de se debe levar cebola ou non, e nin tan sequera se ten que estar máis ou menos cociñada. Considero todos eses detalles como sutilezas que o prato foi adquirindo a medida que foi pasando o tempo.

Parto da idea de que en Galicia sempre tivemos ovos de primeira calidade grazas ás galiñas, patos e outras aves domésticas criadas nas casas. Tamén sempre tivemos aceites e graxas vexetais ou animais en maior ou menor medida e proporción como algo indispensábel nas cociñas de calquera época. Certo é que as patacas chegaron anos despois do descubrimento de América, e, aínda que tardaron un tempo en incorporarse á nosa gastronomía, finalmente o fixeron cun éxito que xa todos coñecemos e recoñecemos.

No caso da tortilla de patacas xorde a marabilla de quen crea esta suculenta combinación, e con iso iníciase tamén a polémica de quen sería o primeiro en creala. Non vou ser eu quen continúe co debate de algo que adoita concluír en ningures. Para min, a mellor tortilla sempre foi a que comín na miña casa, elaborada en tempos e contextos distintos, por diferentes persoas, pero cos mellores ingredientes; e isto para min é a clave.

Alén destes detalles e por cuestións profesionais, viaxo moito, e o tema culinario é algo no que reparo por curiosidade, cultura e saúde. Pasei moitas veces por todas as provincias do Estado, e, dende a miña perspectiva e o meu padal, en ningún outro lugar do mundo hai tortilla de patacas como a que se pode degustar en Galicia.

E non se trata de amor patrio. Son capaz de recoñecer aquelas cousas nas que fóra de aquí nos superan, que non son poucas; pero tanto nos produtos coma en determinadas elaboracións o listón está moi alto, e isto vese ben neste prato tan doado e tan complexo de elaborar. Máis aló están as polémicas e a competitividade, que, se son saudables, benvidas sexan, xa que sempre poden axudar a arrequecer a cuestión.