Memoria, escrita e literatura arman a novela de Suso de Toro «Conta, Sherezade», que chega este xoves ás librarías
CULTURA

A protagonista da historia, Luz, indaga no pasado familiar no seu proceso de creación literaria, nunha descuberta dos segredos agochados desde a Guerra Civil na que a identidade vaise reconfigurando
13 mar 2025 . Actualizado a las 00:05 h.O escritor compostelán Suso de Toro (1956) ergueu a súa última gran novela, Un señor elegante (2020), sobre unha porfiada investigación que emprendeu —con empeño persoal— e rematou por ser o que a pescuda quixo ser, que o levou do seu interese sobre a familia Baltar a facer emerxer ao cirurxián Ramón Baltar como demiúrgo deste relato a medio camiño da non ficción. Cinco anos despois —e tras traballos máis heterodoxos ou frugais, como Descubrindo Ana Pontón (2023) e O segredo de Joseph Haydn (2024)—, volve á ambición narrativa con Conta, Sherezade, que chega este xoves ás librarías da man de Edicións Xerais, o selo de referencia na obra do autor de Polaroid (1986), Tic-Tac (1993), Calzados Lola (1997) e Trece badaladas (2002), entre moitas outras.
En Conta, Sherezade, o escritor mestura memoria, escrita e literatura para trenzar unha novela cuxo motor é de novo a forza dunha indagación, a que asume a protagonista (Luz) e que agroma froito dun obradoiro literario.
Tras asumir que ignora a verdadeira historia da súa familia, da súa vida —avanza a editora—, decide utilizar a escrita literaria, a novela, para coñecer, proceso que acha un exercicio especular: irase construíndo mentres se le. A investigación e o traballo de documentación que enfronta para elaborar a súa novela vital fan abrollar datos e acontecementos que «agardaban silenciosos nalgún lugar da memoria». Ao tempo que xorden a reflexión sobre a literatura e a descuberta dos segredos agochados desde a Guerra Civil, a identidade vaise reconfigurando.