Falece a fotógrafa catalá Anna Turbau, artista social, construtora da memoria histórica de Galicia
CULTURA

A creadora chegou en 1975 a Galicia para facer un traballo sobre arquitectura, pero namorouse da terra e das xentes, xentes sen voz ás que deu voz
19 mar 2025 . Actualizado a las 23:37 h.Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025) chegou, xunto con Llorenç Soler, a Galicia en 1975 da man de César Portela, a quen coñecera en Cataluña e que a animou a facer un traballo documental sobre unhas vivendas para familias de etnia xitana que o arquitecto pontevedrés levantaba —con Pascuala Campos— na parroquia de Campañó, en Poio. Ela viña de retratar a dura circunstancia social do barrio barcelonés do Raval. Portela amosoulle a realidade de atraso do seu país, inmerso daquela en conflitos como o do rexeitamento veciñal á construción da autopista do Atlántico. Coñeceu tamén o medio rural, polo que ela, tan urbanita, pero comprometida politicamente, sentiu fascinación. Namorouse da terra e das xentes, xentes afeitas a non seren escoitadas e ás que deu voz. A súa capacidade para a empatía e a escoita estableceu unha relación de ida e volta que se percibe con forza nas súas imaxes. Ata quedou a vivir un longo tempo en Compostela. Ás protestas da AP-9 foi sumando outros escenarios, como as loitas para conservar os montes comunais, as mobilizacións en favor do Estatuto de autonomía, Os Ancares, as manifestacións da reconversión naval por Ascón, o drama do naufraxio nas Cíes do buque conxelador Marbel, o psiquiátrico de Conxo, o labor das mariscadoras no Salnés, a primeira edición do festival de Ortigueira... A visión sinxela, pero consciente daquela freelance que retratou unha Galicia distinta —moi distinta á que vendían os discursos oficiais— nas páxinas de revistas como Interviú e Primera Plana, que era puro fotoxornalismo, é obxecto hoxe de recoñecemento en lugares como a feira de arte contemporánea Arco, onde a galería que a representa como creadora —a coruñesa Nordés— levou algunhas das súas imaxes, como as das protestas contra a autopista en Guísamo (Bergondo) ou as do poboado xitano do Vao. Ela mesma tardou en comprender que aquel relato que trazara era un auténtico e imprescindible esforzo de memoria histórica. O Consello da Cultura Galega así o entendeu cando recibiu un arquivo fotográfico formado por preto de dez mil fotografías que a propia Turbau cedeu para a súa custodia e difusión: con parte dese material organizou a exposición A intimidade da imaxe. Galicia 1975-1979, comisariada de Margarita Ledo. A profesora atopou nela un alma xemelga e ata usou algunhas fotos súas de Conxo no filme Prefiro condenarme (2024).
Turbau faleceu na madrugada deste mércores en Barcelona, onde residía. O seu poderoso vínculo con Galicia nunca se extinguirá.