TRC Danza, apostando polas artes do movemento

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Momento do espectáculo da Compañía Furia Sotelo «Sobre o extravío ou a arte de perderse».
Momento do espectáculo da Compañía Furia Sotelo «Sobre o extravío ou a arte de perderse».

O ciclo do Teatro Rosalía Castro da Coruña -que inclúe doce espectáculos e medio cento de actividades para o fomento de novos públicos- comeza o sábado 5 de abril coa estrea absoluta da obra da coreógrafa e intérprete galega Julia Laport «Para que non me deixes aquí soa»

26 mar 2025 . Actualizado a las 18:38 h.

O Teatro Rosalía Castro da Coruña presentou este mércores unha nova edición do seu programa TRC Danza, a súa prticular aposta para promover a danza, as artes do movemento e as artes vivas e que inclúe doce espectáculos e case medio cento de actividades de mediación para o fomento de públicos arredor desta disciplina escénica. A carteleira para este 2025 —que se inaugura o sábado 5 de abril coa estrea absoluta da obra de Julia Laport Para que non me deixes aquí soa— organízase en dous bloques temporais de primavera e outono. Na parte de exhibición desta iniciativa ofrécense catro funcións: ademais de Para que non me deixes aquí soa, Perder a lingua, de Eva Comesaña; Xavier a través de min, de Félix Fernández; e Transeúnte, de Daniel Rodríguez. Tamén haberá propostas de compañías internacionais como Unha Eva e un Adán, de Granhøj Dans, co auspicio da Fundación Nacional para as Artes de Dinamarca, que chegará o 26 de abril, nas vésperas do Día Internacional da Danza, o 29.

Detalle da peza «Unha Eva e un Adán», de Granhøj Dans e co auspicio da Fundación Nacional para as Artes de Dinamarca.
Detalle da peza «Unha Eva e un Adán», de Granhøj Dans e co auspicio da Fundación Nacional para as Artes de Dinamarca.

O 10 de maio tócalle a outro dos fitos do festival, Sobre o extravío ou a arte de perderse, a nova produción de Nuria Sotelo, un só de danza teatro sobre a importancia do lugar, sobre o que non se ve pero está, sobre o esquecemento necesario e a arte de perder ou de perderse.

O labor de mediación incide no obxectivo de dar a coñecer dunha forma máis profunda o traballo das compañías e artistas, potenciando a súa visibilidade e reforzando os seus vínculos co espectador. Dentro desta estratexia, serán 46 as accións desenvolvidas, xa que cada un dos doce espectáculos xerará tres encontros encamiñados ao fomento e consolidación de novos afeccionados. A creación de contexto a través de textos elaborados por especialistas, a implicación das compañías e artistas en sesións prácticas previas e as conversas co público tras as funcións son os eixos nos que se concreta.

O concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, na presentación da programación do ciclo TRC Danza 2025, acompañado polo director do teatro, Paulo Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.
O concelleiro de Cultura da Coruña, Gonzalo Castro, na presentación da programación do ciclo TRC Danza 2025, acompañado polo director do teatro, Paulo Rodríguez, e o director da Agadic, Jacobo Sutil.

Así o explicou Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais —organizado polo Concello da Coruña, o festival conta co patrocinio da Rede Galega de Teatros e o Centro Coreográfico Galego—, quen enxalzou o carácter pioneiro en España de TRC, creado no 2013. «Estamos vendo notables avances na normalización dunha expresión artística na que Galicia comeza a destacar polo seu nivel creativo, de produción e de interpretación, grazas ao Plan Integral para a Danza de Galicia», engadiu nun encontro no que partiparon o concelleiro de cultura coruñés, Gonzalo Castro, e o director do teatro, Paulo Rodríguez.

Seis espectáculos máis no outono

Para a programación de outono, TRC Danza presenta as interrogantes sobre o folclore que formula Alberto Velasco en Mover montañas (20 de setembro), He aquí un acto romántico, do creador canario Richard Mascherin (11 de outubro), Double Infinite, da compañía Mal Pelo (25 de outubro), La mecánica de l’infortuni, do dúo formado pola francesa Clémentine Telesfort e o catalán Lisard Tranis (31 de outubro), Norma, unha fantasía distópica de Antonio Ruz (22 de novembro), e pecha o ciclo Xavier a través de min, do galego Félix Fernández, apoiado a través das axudas concedidas ao programa de residencias Atopémonos Bailando e A Casa Vella.