
O Barómetro recolle que o 37 % de entidades mellorou e o 21 % empeorou
09 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Crecemento moderado» da cultura galega durante o ano pasado. Esa é a conclusión á que chega o Consello da Cultura Galega (CCG) no seu Barómetro da cultura galega 2024 despois de analizar os datos proporcionados por 976 empresas, profesionais, departamentos de cultura das administracións públicas e entidades culturais entre o 20 de xaneiro e o 28 de febreiro. Así, para o 37 % das entidades consultadas o ano pasado foi mellor que o 2023, mentres que para o 39 % foi igual. Pola súa parte, un 21 % afirma que lle foi peor ca no exercicio anterior. «É dicir, para a inmensa maioría lle foi igual ou mellor. Pese a este contexto positivo, rexistra valores inferiores ao 2021 e ao 2022, que foron anos de crecemento importante pola situación da que se viña [en referencia á pandemia]», afirmou Håkan Casares Berg, responsable do Observatorio da Cultura Galega, que presentou as conclusións xunto á presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez.
En canto ás previsións para este ano, a tendencia é de estabilidade. Un 41 % das entidades enquisadas consideran que a tendencia será igual que no 2024, mentres que case o 40 % considera que será mellor ou moito mellor. Pola contra, case un 17 % estima que a situación irá a peor. Esta visión «lixeiramente optimista do 2025 é algo menor ca que se viña vendo en exercicios anteriores», remarca o responsable do Observatorio da Cultura.
Por sectores, o Barómetro reflicte que entre as entidades que tiveron un maior crecemento no 2024 están os museos, as que desenvolven actividades relacionadas co patrimonio cultural, as de educación cultural e os departamentos de cultura das administracións. Tamén detectaron melloría as artes gráficas, as bibliotecas e arquivos, a música e o audiovisual. Tamén a alza, pero por debaixo da media, se atopan o teatro, a danza e os espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas. Polo contra, dous ámbitos amosan peores resultados que no 2023. Trátase do eido das artes visuais, onde inclúen a fotografía, escultura e pintura; e o comercio de libros e publicacións, «como as librarías que acumulan dous exercicios en declive», detallou Casares.
En canto aos datos económicos, o 37 % das entidades consultadas viron como subiron os seus ingresos no pasado exercicio, mentres que permaneceron estables para o 35 %. O dato negativo deste eido queda reflectido en que oito e cada dez enquisados viron como medraban os prezos das materias primas e servizos que precisan, «pero pensan que se van ir moderando». Tamén hai estabilidade no emprego, aínda que un 12,8 % das entidades o ampliaron mentres que case un 10 % veu como se reducía o seu persoal durante o ano pasado. Ademais, repítese a tendencia de anos anteriores con dificultades para atopar profesionais no eido das artes gráficas, a arquitectura, a publicidade, o deseño e a música.
O estudo analiza as subvencións e axudas públicas, nesta caso só as solicitaron o 46,6 % das entidades enquisadas, mentres que o 51,7 % non as solicitou —a cifra máis alta desde o 2021—. O que non cambia e o suspenso ás administracións. A que mellor nota logra é a local, cun 4,54, xa que ningunha chega ao aprobado.
A presidenta do CCG incidiu en que este Barómetro quere «contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais que se asenten sobre datos empíricos».