Unha serie da Real Academia retrata o mundo das cantareiras de onte e hoxe

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Fotograma da serie «Se canto é porque quero» que amosa un momento dunha recolla nunha cociña coa pota ao lume e varias xeracións de mulleres amosando a súa sabedoría cantadora.
Fotograma da serie «Se canto é porque quero» que amosa un momento dunha recolla nunha cociña coa pota ao lume e varias xeracións de mulleres amosando a súa sabedoría cantadora. RAG

Cada un dos tres episodios do documental aborda unha das personalidades nas que a Academia simboliza a poesía popular oral no Día das Letras 2025

10 abr 2025 . Actualizado a las 19:55 h.

Cando o autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas é un, sexa Rosalía, Lois Pereiro, Francisco Fernández del Riego ou Luísa Villalta, a aposta é sinxela, fácil de comprender. O éxito depende só do impacto que acade a súa obra entre o público, do eco conseguido na cidadanía (e moi especialmente nos rapaces que estudan nas escolas e os institutos). Máis complexo é —a proposta deste ano— lograr que a xente visualice a Rosa e Adolfina Casás Rama, veciñas de Cerceda; as Pandeireteiras de Mens, de Malpica de Bergantiños; e Eva Castiñeira, de Muxía, como a encarnación da poesía oral popular galega, cando, entre outras razóns, a listaxe de cantareiras e pandeireteiras das catro provincias é case inabarcable. Hai artistas a eito en todas as vilas e aldeas ás que cumpriría render tributo.

O que propón a Real Academia é que este 17 de maio sexa unha celebración de todos e para todos. Non é iso o que se pretende en cada edición? Si, pero neste caso o propósito está detrás do propio feito cultural homenaxeado, a oralidade. A festa vén desde abaixo, e sobre todo das mulleres, de xeracións e xeracións de mulleres que sostiveron nas cociñas, as lareiras, os currais, as airas, as prazas, as carballeiras do país o pulso dunha lingua que sen o seu concurso tería perdido unha boa (preciosa) parte do caudal do seu río de palabras, aires e significados. Unha lingua que, agora sábese, está ameazada por unha preocupante perda de falantes.

Foto de familia -encabezada por Henrique Monteagudo e Concha Losada, responsables da RAG e o Museo do Pobo- da presentación da serie en San Domingos de Bonaval.
Foto de familia -encabezada por Henrique Monteagudo e Concha Losada, responsables da RAG e o Museo do Pobo- da presentación da serie en San Domingos de Bonaval. RAG

Esa corrente interxeracional ininterrompida aflora en Se canto é porque quero, a serie documental realizada por Miramemira e producida pola Real Academia Galega (RAG), que onte presentou no Museo do Pobo —que custodia o arquivo da etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e Antón Santamarina— ao tempo que se estreaba na web academia.gal e na súa canle de YouTube. En tres capítulos «tece un mosaico de testemuños e olladas que van retratando o mundo das cantareiras e da poesía popular oral, de onte e de hoxe», subliña a Academia, que engade que cada entrega parte dunha das tres personalidades nas que se simboliza a celebración, «incidindo no seu carácter coral e no presente e futuro da tradición que están a reinterpretar os mozos».

O dúo Caamaño & Ameixeiras e Mondra, cantando xuntos co alumnado do CEIP Os Muíños de Muxía, nun fotograma da serie.
O dúo Caamaño & Ameixeiras e Mondra, cantando xuntos co alumnado do CEIP Os Muíños de Muxía, nun fotograma da serie. RAG

A produción audiovisual afonda nas ideas centrais destas Letras, que vindican en último termo «a fala do pobo que mantivo vivo o galego ao longo dos séculos, a enorme creatividade da poesía feita anonimamente e a súa vixencia», incide o presidente da RAG, Henrique Monteagudo. «Quixemos resaltar a forza viva da tradición dun pobo que segue a cantar porque quere, como di a copla que lle dá título á serie; e como a mocidade está a abrirlle novos camiños con grande éxito», prosegue. «A natureza colectiva desta festa é outro dos seus esteos», insiste a secretaria da Academia e promotora da candidatura ás Letras da poesía oral, Ana Boullón. «Por iso animamos a que cada vila, cada aldea lembre este 17 de maio as súas propias cantadoras, e que lles dea igualmente voz aos netos e netas que fan seu con orgullo este legado, como reflicte tamén a serie», engade.

«Concibimos este proxecto como un manual que achega as chaves para acceder ao coñecemento e á realidade da nosa tradición oral, honrando as mulleres que a crearon e transmitiron xeración tras xeración, pero tamén as persoas que se propuxeron recoller as nosas letras», explica Damián Varela Pastrana, director da serie xunto con Alba López Álvarez. «Quixemos amosar como son as recollidas, a súa evolución e a dos espazos de aprendizaxe, e puxemos o foco na música do presente», terza a realizadora.

Mercedes Peón, Fuxan os Ventos, Felisa Segade ou as rapazas do Regueifa Tour son algunhas das voces convidadas nun relato que fai parada, entre outras localizacións, nos tres epicentros das Letras: Cerceda, Malpica e Muxía, onde se gravou o peche do terceiro episodio coa colaboración de Caamaño & Ameixeiras, Mondra e mais o alumnado e o profesorado do CEIP Os Muíños de Muxía.

A serie arrinca na Vila da Igrexa, rememorando o encontro entre Schubarth e Rosa e Adolfina Casás Rama. Relátao na propia aldea Richi Casás, neto e sobriño neto de ambas as cantareiras.