Música contemporánea para explorar a tradición chinesa e a reinserción social
CULTURA

O colectivo Vertixe Sonora promove a oitava edición do ciclo Do Audible, que se inaugura este martes en Vigo coa estrea do proxecto «A arte do guzheng»; o festival completarase en maio coa interpretación de «In Vain» en San Domingos de Bonaval e no cárcere de Teixeiro
15 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
O ensemble Vertixe Sonora traballa desde hai tempo para normalizar en Galicia a escoita de música contemporánea. Un dos seus programas bandeira é Do Audible, que, apoiado pola Consellería de Cultura, acada este ano a oitava edición co obxectivo de fomentar o diálogo da música coa arte, a ciencia, a tecnoloxía e o pensamento. O ciclo inaugurase este martes, ás 19 horas, en Vigo, no Museo do Mar de Galicia, que acolle un concerto no que se estreará en España A arte do guzheng, unha colaboración desenvolvida polo colectivo galego, a Bienal de Zagreb e o Hong Kong New Music Ensemble. O proxecto procura a integración do guzheng —cítara chinesa símbolo da filosofía taoísta e das clases populares— nun contexto de novas sonoridades. Esta achega á poesía e a cultura chinesas tradicionais estruturase nas creacións da compositora serbocroata Sonia Mutic, o hongkonés Angus Lee, o colombiano Camilo Mendez e a española Pilar Miralles.
Segundo detalla Ramón Souto (Vigo 1973), director artístico de Vertixe Sonora, «a idea central deste ciclo é tender pontes entre diferentes disciplinas da contemporaneidade que —dende diferentes lugares— habiliten portas de acceso á creación sonora actual, dando claves para unha percepción da creatividade máis consciente». É importante, neste sentido, crear contextos de significatividade que fagan que a experiencia do concerto en directo sexa «absolutamente singular». E Souto vai máis alá ao incidir na importancia da interacción co afeccionado: o festival —di— comparte coa audiencia «o pensamento sonoro actualizado» e crea espazos que lle permitan sentir en tódalas súas dimensións «un encontro singular de tempo compartido». E, sobre todo, insiste, desafiar ao espectador para devolver a escoita ao seu lugar, «como acontecemento capital do ser humano», en pos da conquista dunha percepción musical crítica e esperta rachando fronteiras e formatos.
No cárcere de Teixeiro
O festival completarase en maio coa interpretación de In Vain (2000), peza para 24 músicos do autor austríaco George Friedrich Haas e considerada unha das obras mestras do século XXI, na súa primeira presentación en Galicia. Vertixe Sonora fai confluír esta composición —unha «lenta e desacougante» viaxe microtonal da total escuridade á luz— co final da novela de Dostoievski Crime e castigo a través dunha iniciativa formativa impulsada co respaldo de Conservatorios Superiores de Galicia, a Universidade da Coruña e o cárcere de Teixeiro.
Esta exploración da reinserción social, da reeducación, terá dúas presentacións, que subliñan «un proceso fondo e doente de transformación persoal»: unha —Escuridade— celebrarase o sábado día 10 ás 23 horas en San Domingos de Bonaval dirixida ao público en aberto, e outra —Luz— será ao día seguinte, o domingo, ás 17 horas, nunha actuación para os internos da prisión de Curtis. Sobre esas dúas sesións quérese encarnar o relato de profunda rehabilitación que subxace á música. Para reforzar o seu impacto están organizados ademais diversos obradoiros en cooperación coa Universidade da Coruña, presos e outros colectivos.
Retorna Souto á China milenaria, á que viaxan os músicos do Hong Kong New Music Ensemble e de Vertixe Sonora para indagar a integración do guzheng —tocado pola solista Chiu Tan-Ching, este instrumento tradicional chino— en territorios de música contemporánea. O guzheng —data da época dos Reinos Combatentes (século V a.C.), un período de paz— aparece aquí arrodeado doutros nove instrumentos actuais (saxofón, piano, violín... ), artellos sonoros e mesmo electrónica. Esta cítara ocupou un lugar contraposto ao guqin de sete cordas, de son grave e calmo e fortemente identificado co refinamento aristocrático e os valores morais do confucianismo. O guzheng —con entre doce e cincuenta cordas, o estándar actual sitúase en vinte e unha— favoreceu entre o pobo a aparición de músicas alternativas, alleas a protocolos e moi cinguidas ás emocións. A violinista e recitadora Niu Yiran poñerá o ramo á sesión coa lectura de versos —con acompañamento de guzheng— da poetisa Li Qingzhao (1084-1155), pertencente á dinastía Song. A Arte do guzheng presentouse o pasado domingo en Zagreb e o vindeiro ano levarase a Hong Kong.
En canto á partitura In Vain aborda a redención despois dun erro irreparable a través da figura de Raskólnikov no final de Crime e castigo. Para o seu tránsito da escuridade á luz, combina o uso da iluminación como elemento modulador do tecido sonoro.
«A música —remata Souto— é unha ferramenta insubstituíble para desfacer prexuízos e gromos mentais. É quen de abrir a nosa receptividade para achegarnos ao diferente. Aquí músicos de culturas tan distantes (os Balcáns, Hong Kong, Galicia) levamos traballando xuntos durante tres anos para compartir os mellores valores da humanidade e o coñecemento. Creo que no contexto que vivimos esta aposta pola cooperación entre civilizacións é fundamental», enxalza.