Poetas pioneiras (1962-1965)

CULTURA

Ana Garcia

18 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 10, en Vigo, dúas coñecidas profesoras de Literatura, Dolores Vilavedra e Patricia Arias Chachero, conselleiras de Galaxia, explicaron polo miúdo, co gallo do septuaxésimo quinto aniversario da creación da editorial (1950-1925), os criterios da colección conmemorativa, Biblioteca 75 anos, dez volumes nos que se ofrecerán textos moi coñecidos da editorial, organizados dun xeito especial e acompañados de páxinas esclarecedoras e, ás veces, de textos inéditos obrantes en Galaxia. Nesa data, só fora publicado o primeiro volume da serie, As poetas, da colección Salnés, preparado e prologado por Patricia Arias, impreso hai dous meses.

No inicio do estudo, a prologuista fai unha caracterización moi axeitada do que significou Salnés na edición dos textos poéticos galegos desde 1961 (data de Nenias, de Aquilino Iglesia Alvariño) ata 1974 (data de Serán, de Emilio Pita), 32 volumes nos que cantan moitas voces, entre elas as mellores daquel tempo na Terra e na Diáspora (Antón Tovar, Arcadio López-Casanova, Salvador García-Bodaño, Xosé L. Franco Grande e Celso Emilio Ferreiro, autor, en 1962, de Longa noite de pedra, un libro histórico, na historia da poesía e na historia de Galicia).

O de Celso Emilio era o número 7 da colección Salnés, que o poeta dirixía con Fernández del Riego e Emilio Álvarez Blázquez. Axiña, na colección —aclara a estudosa— comparecen as voces femininas, a de María del Carmen Kruckenberg con Canaval de ouro (nº 6, 1962), a de Pura Vázquez con A saudade i outros poemas (nº 11, 1963), a da portuguesa María Manuela Couto Viana con Frauta lonxana (nº 16, 1964), a da estadounidense Anne Marie Morris con Voz fuxitiva (nº 17, 1965) e a voz, singular nesta escolma, de Xohana Torres.

Ao longo do prólogo, ofrécesenos a erudición literaria significativa dos xornais e dos epistolarios da época. É unha carta de Ramón Piñeiro a Basilio Losada a que lle proporciona a Patricia Arias a clave para interpretar debidamente os apaixonados versos de Canaval de ouro: «A autora ten sona de participar dos mesmos desvaríos amorosos que caracterizaban á gran poetisa de Lesbos».