Lugo acolle a estrea absoluta da peza do dramaturgo Ernesto Is «Profetas»
CULTURA

Coprodución do CDG e Ítaca Teatro, a montaxe, dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio, viaxará despois a Santiago
23 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo acollerá este xoves, ás 20.30 horas, a estrea absoluta da peza teatral de Ernesto Is Profetas, nunha coprodución impulsada polo CDG (Centro Dramático Galego) e Ítaca Teatro, no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios autonómica. Trátase dunha montaxe «que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción, e na que están presentes cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación», como explica o propio autor, que se impuxo no 2021 con esta obra dramática na 16.ª edición do premio Abrente de textos teatrais da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT).
Espectáculo dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, para levalo a escena contou coa colaboración da MIT, o Concello de Lugo e das deputacións de Lugo e A Coruña. Tras a estrea viaxará a Santiago, onde poderá verse no Salón Teatro os días 3, 4 e 5 de maio, con funcións para público xeral o sábado ás 20 horas e o domingo ás 18 horas, así como un pase especial para escolares o luns en horario de mañá. A produción ten previsto visitar tamén Sarria, Meira, Quiroga, Burela, Vilalba, Barreiros, Ribadavia, Cedeira e Outes.
Os actores Elea López e Carlos Rebolo —fundadores da compañía luguesa Ítaca; esta é a súa sexta montaxe— son os protagonistas de Profetas, que presenta a Ela (dramaturga) e El (artista plástico), unha parella que, despois de romper a súa relación, volve atoparse para lembrar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro —detalla a compañía— convocan os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. «Pero a memoria é individual e selectiva, os recordos son inseparables do impacto emocional que deixaron en cada quen, e aos protagonistas desta historia non lles resulta doado regresar a ese pasado compartido sen facerse reproches», engade.
A montaxe mestura linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o labor de interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento, subliña a Consellería de Cultura.