O Consello da Cultura Galega afianza o peso de Bergantiños na tradición co seu Concerto das Letras

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CULTURA

ANA GARCÍA

Elixiu a vila de Carballo para esta cita, o 16 de maio, coa banda «efémera» Do Bertau, unha reunión de 11 artistas e unha viaxe a través do tempo e do son para o público

30 abr 2025 . Actualizado a las 18:47 h.

Se sempre foi «especial», este ano serao máis, por «diferente», por levar «o colaborativo» e «o colectivo» á súa máxima expresión. O Consello da Cultura Galega ten sempre moitas «noivas» para elixir onde levar a cabo o seu Concerto das Letras, mais este ano —15.ª edición— pensou na vila bergantiñá de Carballo polo seu inmenso patrimonio tradicional. A recepción da proposta foi tan boa que non fixo falta buscar máis. Así, a cita será a véspera «do gran día», isto é, o venres 16 de maio, ás 20.30, no Pazo da Cultura, con acceso gratuíto.

Eva Castiñeira, Rosa e Adolfina Casás, Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García e Manuela Lema son as sete cantareiras homenaxeadas nestas Letras Galegas 2025. Representan «unha multitude deses vagalumes que poboaron a nosa historia e que non teñen nomes nin apelidos», en palabras de Rosario Álvarez, presidenta do CCG. Gardiás da tradición oral. Elas e todas serán tributadas con este concerto singular porque, a diferenza doutros anos, «partimos xa da música». Non so haberá literatura —que o é—, senón tamén deseño, escenografía e artistas no que se pretende «tributo a un universo máis amplo», que vai dende elas mesmas aos compiladores, gravadores, cancioneiros e intérpretes. Para a ocasión, unha banda «efémera», como as cantigas.

BASILIO BELLO

A formación, Do Bertau, nome dunha vila mariñeira ficticia tomada dunha novela da etnomusicóloga Dorothé Schubarth, créase expresamente para este Concerto das Letras e estará integrada por once artistas «procedentes da música tradicional, popular e moderna», explicou en Carballo Alejo Amoedo, director do Arquivo Sonoro de Galicia: «Interpretaranse as melodías tal e como chegaron a nós, pero dende un envoltorio contemporáneo, dende a actualidade». Muiñeiras, comparsas, xotas, pasodobres e outros cantos, en perfecta sintonía con sonoridades como o jazz, con presenza das terras das homenaxeadas pola RAG, pero tamén do resto de Galicia, as catro provincias.

BASILIO BELLO

As cantareiras do grupo Bouba (Carme, Maca e Uxía), Tanea, Yudith Almeida, Álvaro Trillo, Fran Trashorras, Javier Pereiro, Marcos Cives, José Luís Miranda e Richi Casás, coordinador da proposta, serán as voces e multiinstrumentistas que ofrecerán ao público, fiada por unha voz narradora, «unha viaxe a través do tempo e do son que conforma a banda sonora da nosa vida cotiá». Salvo no caso de Canto de Nadal na Vila da Igrexa, todos os arranxos foron feitos ad hoc para esta sesión que se abrirá á participación do público. Mediante vídeo recoñeceu Richi a «honra» dos artistas. «Música, tradición e identidade», abundou a edila de Cultura, Maruxa Suárez, avanzando que este concerto será «o primeiro paso dun camiño de colaboración co CCG».

BASILIO BELLO

O auditorio do Pazo ten 350 prazas, e as entradas, aínda que de balde, poden retirarse dende billeteira.carballo.gal dende este 1 de maio. Para quen non atope oco, e para os galegos no exterior, estará a opción de seguir o concerto vía streaming desde a web do CCG e o propio Día das Letras, en prime time na G2 e logo á carta, avanzou Marta Fernández, xefa de comunicación corporativa da CRTVG. «Máis felices seriamos», incidiu Evencio Ferrero, alcalde, se todos os días do ano fosen Letras Galegas: «Ben está que Bergantiños teña o seu protagonismo».