As quince carrozas fúnebres de Castelao

Cecilia Valdez BUENOS AIRES / E. LA VOZ

CULTURA

.

Tras a morte do intelectual rianxeiro o 7 de xaneiro de 1950, as multitudinarias exequias e as conmovedoras mostras cidadás de tristeza e agarimo estremeceron a cidade de Bos Aires

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«¿Por qué eligió a Buenos Aires como destino, que la muerte ha convertido en último? Acaso por la nostalgia de una luz que persistía en la memoria de alguna música imprecisable, de alguno de esos atardeceres que en La Pampa se meten alma adentro, para siempre» (Diario La Nación, Buenos Aires, 7 de xaneiro de 1950).

Precedido por quince carrozas fúnebres, tiradas por cabalos negros e cargadas de ofrendas florais, un impoñente, multitudinario e silencioso cortexo colmou a avenida de Belgrano —ás portas do Centro Galego de Bos Aires, rúa cortada previamente ao tráfico— e acompañou a pé, durante centos de metros, a condución do corpo sen vida de Castelao. Despois, xa nos seus vehículos, seguirano ata o cemiterio da Chacarita, a cuxo acceso agardaba apiñado outro xentío. Todos continuarán respectuosamente cara ao lugar en que o egrexio intelectual xacerá no Panteón Galego (ata que en 1984 puido por fin retornar á terriña).

Nado na vila coruñesa de Rianxo en 1886, pasara parte da súa infancia na Pampa, no país arxentino ao que regresou en 1940 como exiliado no decurso da guerra civil española. Aínda que estudou Medicina, decantouse pola escritura, o debuxo, a pintura, o gravado, a viñeta, o teatro, a política... Xa de maior dicía que aprendera a amar a caricatura coa revista semanal arxentina Caras y Caretas. O golpe de Estado de 1936 obrigouno a marchar, primeiro a Nova York, despois a Cuba e finalmente a Bos Aires, onde viviu e transcorreron os seus derradeiros días acompañado da súa esposa, Virxinia Pereira.

«Nosa patria, Galiza, perdeu ao máis esgrevio e precraro dos seus cibdadáns. ¡Fóisenos Castelao!». Así titulou o xornal bonaerense Opinión Gallega uns días despois do seu pasamento. Os diarios non aforraron cualificativos para expresar o estupor e a enorme tristeza que causou esta perda, e admitiron estar totalmente excedidos polos acontecementos: «Por falta de espacio nos vemos privados de dar la lista de las cartas recibidas y de las tarjetas depositadas en el velatorio y en el acto del entierro, que se cuentan por millares».

O inexorable avance do cancro de pulmón e o deterioro da súa saúde obrigárano a gardar cama. Así estaba desde había case un ano cando, o 2 de xaneiro de 1950, foi internado na clínica do Centro Galego, aloxado na habitación 203 e inmediatamente operado —ese mesmo día, ás 15.00, entrou na sala de cirurxía—, co único obxectivo de aliviarlle a dor, aínda que todos eran conscientes do carácter irreversible da situación. El, home xeneroso, de camiño ao quirófano, permítese chancear con Rodolfo Prada e as enfermeiras. Rematada a trepanación cranial —da man do neurocirurxián Manuel Oribe—, lévano de volta inconsciente a que descanse na cama do seu cuarto no hospital. Lucindo na cabeza unha aparatosa vendaxe, Castelao xa non recuperou esa face súa cargada de enerxía e bo humor que o adornaba. Entrara en coma. Faleceu ás 22.55 horas do sábado 7 de xaneiro, aos 63 anos; en Galicia eran as tres menos dez da madrugada do domingo 8.

.

Capela ardente

Como era de esperar, a noticia da morte correu como a pólvora, e desde horas temperás do domingo a capela ardente no salón das columnas do Centro Galego viu desbordadas as súas instalacións. Paralelamente, sucedéronse varios feitos de gran transcendencia: o corpo de Castelao foi retirado durante algunhas horas para ser conservado mediante embalsamamento e para que o escultor Domingo Maza Calvo fixese un baleirado en xeso do rostro e a man dereita para construír uns moldes que, por vontade expresa do escritor e artista, o Consello de Galiza entregou despois —reproducidos en bronce— ao Centro Ourensán de Bos Aires. Tres horas ocuparon ambos traballos. E, máis tarde, cando retornaron o corpo para proseguir o velorio, depositaron no interior do ataúde terra traída expresamente desde Galicia polo empresario, mecenas e amigo Perfecto López (tamén outra que se custodiaba en Montevideo). A estancia está ateigada. Fervor, pesar e admiración amósanse en conmovedor silencio.

Segundo os xornais da época, a enorme cantidade de xente —tanto dentro como fóra do edificio— fixo moi difícil levar o cadaleito, que foi transportado polos presidentes do Centro Ourensán, a Federación de Sociedades Galegas, o Centro Pontevedrés, o Centro Lucense, a Irmandade Galega, o Centro Betanzos, a Sociedade de Rianxo e a Asociación Benéfica Cultural do Partido de Corcubión, e polo deputado galego Antón Alonso Ríos, na súa calidade de secretario do Consello de Galiza. As enfermeiras do sanatorio formaron unha dobre fila que encheu de solemnidade e respecto a saída do cadáver do inmoble.

Chuvia de flores

Xa na rúa, dirixíronse en primeiro lugar ao Centro Ourensán, fronte a cuxa fachada se detivo o cortexo; naquel intre produciuse un dos momentos máis emotivos da despedida, cando unha verdadeira chuvia de flores caeu desde os balcóns. Alí mesmo, Valeriano Seco, secretario xeral da entidade, realizou unha das alocucións máis lembradas da longa xornada do adeus.

A comitiva fúnebre seguiu camiño cara ao Panteón Galego da Chacarita, onde se deron os últimos discursos e onde os restos de Castelao descansaron ata que na década dos oitenta foi posible a ansiada viaxe de volta a Galicia, cumprindo por fin o soño de Castelao.

«Nadie en Galicia, nin home histórico nin persoa vivente, acadou coma Castelao somellante suma de amor. Amábano, si ben en voce baixa, aínda os seus adversarios políticos, que enemigos nunca tivo; aquiles que, quizaves, mitigaban con ise amor sagrado i espiatorio o remordimento de non teren comprido o seu deber», clamou na súa oración fúnebre Eduardo Blanco Amor.

Previamente, José Villamarín, presidente do Centro Galego, deixara na despedida unha afirmación para a historia, para o consolo dos galegos na Arxentina pero tamén para os que quedaran na súa terra ou migraran a calquera outra: «Donde él esté estará también Galicia».