O DJ sonense Kike Varela responde aos que lle piden que faga música en castelán: «Co galego teño ofertas a nivel internacional»

CULTURA

Nado en Santiago fai 29 anos, empezou con temas en inglés, pero foi con letras en galego como definiu un «estilo propio». Temas coma «Muiñeira de Chantada» ou o máis recente «Micaela» pétanno en Spotify. A súa mensaxe en redes para os que insisten en que cambie é claro: «Cando vou a festivais fóra, o galego é o que máis gusta»
20 may 2025 . Actualizado a las 22:09 h.Só unhas horas despois do Día das Letras Galegas, Kike Varela, produtor de música electrónica e DJ, subiu o seu perfil en X un vídeo respondendo a unha pregunta dun seguidor, que inmediatamente se fixo viral: «Tienes que hacer algo en castellano y seguro que lo petas a nivel España». Nin 72 horas pasaron da xornada na que os galegos reivindicamos a lingua que falaron os nosos avós e que se materializou en autores tan destacados coma Rosalía de Castro ou Castelao, e o músico víase obrigado a defender a súa forma de expresión. Que non é só persoal, senón tamén artística. «A música é universal, e independentemente do idioma no que a fagas pode triunfar. No meu caso estou facendo música en galego, estana pinchando artistas internacionais como Blasterjaxx ou Timmy Trumpet e incluso estou soando en festivais como Tomorrowland», comeza explicando con contundencia Varela, nado en Santiago en 1996 e veciño de Porto do Son.
Contactado por La Voz, deixa claro que aínda que esas críticas existen, son minoritarias e que o que provocou incorporar non só a lingua galega, senón a música e os instrumentos tradicionais as súas producións «foi moi bo». Cando comezou, pinchaba cancións en inglés, «chega un punto no que estaba saturado dese son» e o galego, asegura, acabou abríndolle moitas máis portas das que podía imaxinar. «Creo que o comentario non tiña maldade, que era un consello. Pero non tivo sentido porque se a música é boa triunfa sen que o idioma penalice», di incidindo en que Kike Varela é quen é, tamén por empregar o galego nas súas misturas.
De feito, foi progresivamente perfilándose así na escea musical. Sen esquecer a súa orixe na sala Moon de Santiago sendo aínda adolescente, pero medrando ata chegar a compartir cartel cando rematou a carreira de Administración e Dirección de Empresas con nomes tan recoñecidos coma os de Steve Aoki ou Dimitri Vegas & Like Mike. «Ao sumar unha música con calidade, con algo novidoso, tamén estou conseguindo viralizar os meus temas», asegura.
«Cadrou tamén con que empezaran a triunfar artistas galegos como Tanxugueiras ou Baiuca. Quixen probar. Daquela non era algo moi común e apetecíame facelo. O primeiro tema que fixen misturando elementos galegos coa música electrónica foi unha versión que fixen da Muiñeira de Chantada e funcionou moi ben. A partir de ahí o galego apórtame diferenciarme nun xénero no que hai grandes artistas a nivel mundial. Pero no que destacan os que teñen un estilo propio», di ao outro lado do teléfono. No vídeo, aclara tamén que «cando saquei música en castelán ou en inglés funcionaron peor que os temas que saquei en galego». Instrumentos como as gaitas, voces de cantareiras e outros ingredientes da música popular están presentes na súa música, como é o caso de Micaela, tema que actualmente Spotify ten entre os máis virais do momento e que fixo coas cantareiras viguesas Ferriñas Bravas. «Imaxínaste ir a xunto Estopa e dicirlles "mira, a vosa música está moi guai pero deberiades facer reguetón que é o que está de moda agora". Ou dicirlle a Quevedo, "facer música en castelán moi ben, pero proba co chinés, que o falan o dobre de persoas no mundo"», reflexiona.
Elemento dinamizador da lingua
«"Son de non sei donde. Non sei galego e encántame a túa música". O outro día mesmamente, no SanSan Festival de Benicàssim estaba nun escenario con máis de 1.000 persoas e os temas en galego eran os que máis gustaban. Chégame máis iso que o que me vin obrigado a responder», comenta o DJ. «O idioma non pecha ningunha porta, ao contrario. Pode abrirchas. Que ninguén che diga que non podes facer algo», insiste recordando que o seu crecente éxito débello en parte ao galego: «este ano xa me chegaron ofertas para ir a grandes festivais fóra de España. Baiuca tamén está demostrando que non hai barreiras na electrónica en galego con solds outs en Londres ou Berlín».
Kike Varela pensa que é fundamental que artistas e creadores de contido sexan axentes dinamizadores da lingua, fronte ás recentes estatísticas do INE que por primeira vez sitúan ao castelán por riba do galego en canto a uso na nosa comunidade. «Onde vivo, en Porto do Son, e en Ribeira, tamén baixou. Pero ao mesmo tempo escoito cada vez máis música en galego e vexo máis contidos na miña lingua en TikTok».
Os seguidores do produtor musical están de noraboa, con 50 datas para velo pinchando o vindeiro verán, entre elas no Rompetiño Jump de Porto do Son o 4 de xullo e no Caudal Fest de Lugo en setembro.