Anisia Miranda, revolucionaria

CULTURA

Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, retratados no 2005 en Monte Blanco, en Ponteceso.
Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda, retratados no 2005 en Monte Blanco, en Ponteceso. José Manuel Casal

23 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre a xente letrada de Galicia, Anisia Miranda Fernández é coñecida como a muller (ou a compañeira) do escritor Neira Vilas. Quizais en Cuba, durante anos e anos, o escritor galego era citado como o compañeiro «de la compañera Anisia». Certo que a súa contribución á literatura en galego non é relevante. Pouco máis escribiu que Cantarolas e contos para a xente miúda (en colaboración con Neira), que eu lle publiquei en 1975 na colección Arealonguiña (Madrid, Akal).

Filla de emigrantes galegos, Anisia naceu en Ciego de Ávila (Camagüey, Cuba) no ano 1932 e faleceu en Gres, a aldea natal do seu compañeiro, no ano 2009. «Autoexiliados» ambos os dous, coñecéronse e namoráronse en Bos Aires, onde crearon a empresa galeguista Follas Novas, que foi editorial, librería e distribuidora do libro galego para o mundo enteiro. En 1961, pouco despois do triunfo da Revolución cubana, escollen Cuba como destino vital e cívico: incorporáronse, con entusiasmo, ás tarefas daquela insólita experiencia política. Non sei de quen partiu a idea; sospeito que da compañeira Anisia.

En Cuba, Anisia foi unha peza esencial na formación cultural de millóns (sic) de escolares que recibían, nas aulas ou fóra, centos de miles de exemplares de dúas revistas por ela dirixidas, Zunzún e Bijerita, ademais doutras publicacións para a infancia e a adolescencia das que era autora, colaboradora ou mentora. É certo que Anisia foi avalada desde o comezo pola autoridade de Alejo Carpentier, pero unha responsabilidade cultural desta magnitude o Comité Central do Partido non a poría —ou mantería— nas mans dunha persoa que non estivese comprometida a fondo coa revolución naqueles anos de fulgor e de esperanza.

Na Correspondencia que acaba de editar Galaxia hai datos e textos dabondo para decatármonos do perfil intelectual e revolucionario de Anisia Miranda, biografía que debería escribir María Xesús Neira Yagüe, que tanto sabe dela e do seu compañeiro, o seu tío. Ela, da Fundación Neira Vilas, posúe un inxente saber biobibliográfico sobre os dous escritores, que puxo ao meu dispor para as notas desta Correspondencia.