
No 2023 sorprenderon a todos logrando que milleiros de persoas os viran ás catro e media da tarde. Hoxe repiten 20 minutos despois coa mesmas gañas
14 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Aquilo deixou a moitos pampos. Unha banda de Muros tocaba ás 16.30 horas cun sol de xustiza en O Son do Camiño do 2023. Todo apuntaba a ser o típico concerto seguido por unhas ducias de curiosos, os seus familiares e amigos e pouco máis. Pero The Rapants, os protagonistas da escena, xa tiñan unha base importante de devotos a morte con eles. «Saímos e vimos un montón de xente. Foi tremendo e agradecémolo moitísimo», lembra Xanma Louro, cantante e guitarrista da banda que entón viña de sacar O corasón como un after. As cancións contidas nel —unha sorte de indie-pop bailable que mira a música disco—, a contaxiosa enerxía do grupo á hora de poñelas en escena e a tolemia do seu público —botando, berrando, cantando todos os temas— converteron todo nunha gran festa colectiva. «Reafirmounos como unha banda adulta», di.
Nunca en toda a historia do festival houbera tantísima xente a esa hora. Seguro que esta vez (16.50 horas, Escenario Xacobeo) serán aínda máis. «Este ano tocamos 20 minutos máis tarde e o tempo non será tan caloroso coma no 2023. Moito mellor para que a xente se anime», ri Xanma. No festival non dubidaron en volvelos chamar. «Como festival galego sempre queremos estar preto do talento galego, e a historia de The Rapants é unha historia preciosa», sinala Esteban Girón, un dos responsables de comunicación de O Son do Camiño. «Desde a organización téñenlles moito agarimo desde que comezaron, e coñecémolos sendo uns nenos. Agora vemos como creceron e seguen crecendo, e énchenos o peito de orgullo», engade.
Eles, coma sempre, volverán a por todas. Pese ao ambiente hedonista que transmiten, The Rapants son unha banda tremendamente traballadora que prepara estas grandes citas a conciencia. «Tocaremos 50 minutos, que serán todo música. Haberá tempo para pouco máis. Fixemos un último ensaio e danos 49 minutos e 56 segundos», adianta o músico. Súmanlle nesta ocasión ao repertorio os temas de La máquina del buen rollo (2024) para que o seu pase lle dea todo o sentido a este título. Seguro que a súa lexión de fans responde con entusiasmo para que así sexa.