Begoña Caamaño sobre a súa obra: «Quixen abrir o debate sobre o modelo de sociedade que queremos»

M. Cedrón REDACCIÓN

CULTURA

Emilio Relova

As novelas da autora falecida no 2014 e recoñecida agora co Día das Letras desprenden actualidade

22 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun contexto sociopolítico tan convulso como o actual, non hai unha obra que poida estar máis de actualidade que a de Begoña Caamaño (Vigo, 1964; Santiago de Compostela, 2014). É o momento de relela. De subliñar. De pensar. Xa non porque esta xornalista e escritora do barrio vigués do Calvario fose elixida este venres protagonista do Día das Letras do 2026, senón porque as súas palabras son unha invitación a pensar cara a onde queremos enfocar a nosa sociedade. Como boa xornalista, asuntos somo o poder, a ética, a lingua, o feminismo... agroman nas súas dúas novelas. E os seus puntos de vista non perderon a actualidade.

Dalgún xeito, ela sempre foi por diante. Quizais porque era unha muller diferente. E a súa traxectoria literaria tamén. Aos 45 anos publicou a súa primeira obra, Circe ou o pracer do azul (editorial Galaxia), porque como di a poeta, xornalista, académica da Real Academia Galega e amiga persoal da narradora viguesa, Ana Romaní, «a súa experiencia vital e a formación intelectual avalan o desexo de escritura que prende, inesperado mais consciente e decidido, e se inscribe nunha biografía atenta aos sons do mundo, despregada na paixón analítica e na viva tensión coa historia».

Nesa primeira novela explora da man de Homero un mundo que sempre a seduciu —a mitoloxía— na busca doutros prismas. O que fai é unha reformulación contemporánea da Odisea na que conta o que nunca se contou sobre a relación entre Penélope e Circe. Ofrece unha cara diferente desa muller abnegada que pasa a vida tecendo e destecendo un sudario mentras agarda a volta de Ulises. Pero tamén permite ver a realidade que agocha a feiteiceira Circe. Faino utilizando un intercambio epistolar no que esas dúas mulleres —unha esposa e outra amante do mesmo home— acaban tecendo unha relación cada vez máis cercana.

Unha reinterpretación dos clásicos semellante faina tamén na súa seguinte novela, Morgana en Esmelle (editorial Galaxia). Pero aquí o eixo central pasa a ser Bretaña e o tema artúrico, onde aproveita para homenaxear a Álvaro Cunqueiro. Nesta segunda obra trata de afondar no debate arredor do poder e a ética, e constrúe unha novela contra a impunidade porque, como dixo no seu día a propia Begoña: «Quixen formular un debate contemporáneo sobre que modelo de sociedade queremos».

E ademais, como di Romaní, nas súas novelas «traslada outra experiencia do literario. É cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos como apuntaba ela».

De feito esa forma de contar historias recoñécese na voz coral que desliza nesas dúas obras, unhas novelas coas que entrou a formar parte dese grupo de autoras que dende a segunda metade do século XX ata primeiros do XXI tratan de reformular outras xenealoxías para achegalas á realidade da xente.

No abano de ingredientes que compoñen os seus textos hai un fundamental, o mesmo que vertebrou todo o seu pensamento e a súa biografía, un ideal que nunca apartou das súas loitas: o feminismo. A loita por reivindicar o papel fundamental das mulleres. E convérteo, como engade Romaní, «nun instrumento central do seu traballo intelectual». Begoña quere promover o cambio da man da reflexión. Ese é un dos eixos da súa obra, porque como expresaba ela, «é o momento non de cambiar as regras, senón de cambiar de xogo». Aínda agora. No 2025. Por iso, como recorda Ana Romaní, «será moi interesante a revisión e relectura da súas obras á luz destes tempos tan complexos que vivimos».