En todas as esferas da actividade profesional existe un acordo tácito en virtude do cal resulta lícito e aínda recomendable un certo grao de hipérbole por veces veciño da verdade dubidosa cando non da mentira rampante. Os editores, por exemplo, estamos afeitos a ponderar á alza o valor das obras que editamos, o cal resulta especialmente adoito nos textos promocionais que os libros acostuman levar nas cuartas de cuberta e, con menos frecuencia, nas lapelas. Alí onde o autor quere dicir da súa obra que «pretende ser» o editor corrixe «é» e onde aquel propón «busca ofrecer», este emenda «ofrece». Tan cabaleiresco pacto de elegante esaxeración verifícase tamén nas presentacións dos libros. Cantas veces, no bautismo dunha obra que dorme o sono dos xustos agardando a cruel reciclaxe, non terá afirmado un editor que a tal obra estaba chamada a converterse en referencia obrigada no seu eido! Ou prever con entusiasmo a pronta reimpresión dun título que, nos seis primeiros meses, vendeu quince exemplares! Este xeito light de «prevaricar» coa linguaxe responde a unha insincerdade calculada, absolutamente necesaria, polo demais, para mantermos as persoas unhas relacións máis ou menos cordiais e non andar a gorrazos todo o día. A mala baba, propia dos críticos, pode deste xeito confundirse coa sinceridade, si, pero, quen, na vida, nos pide ser sinceros? Como dicir do bebé duns amigos que nos parece feo ou non rirlle os chistes ao xefe por malos que sexan? Dunha muller evidentemente gorda, os portugueses, extremadamente corteses no uso da linguaxe, din a senhora está muito forte. Ou sexa que, en definitiva, prevaricamos todos os días coa linguaxe. Así e todo, mesmo neste coñecido escenario de verdades (ou mentiras) a medias, por veces a sinceridade impulsa declaracións abertamente positivas, o cal, claro, tende a provocar sospeitas: pensa mal e acertarás, xa vostede sabe. No prólogo a unha novela xenial, un crítico e académico moi coñecido afirma, con trazo groso, que o libro reconcilia co pracer da lectura. Reconcilia? Será que estamos pelexados coa lectura? Na recente presentación do libro dun amigo, tomei esas palabras prestadas mentres, de esguello, miraba un público que talvez agardaba verme medrar o nariz.