
A compañía recompilará nun libro os textos seleccionados como finalistas, dos que editará 12.000 exemplares que se repartirán gratis en outubro nos puntos de venda de Galicia e Castela e León
27 jun 2025 . Actualizado a las 04:00 h.Gadis convoca a sexta edición do seu concurso de microrrelatos, co destino como tema elixido para construír unha historia de entre tres e cen palabras. «Queremos celebrar a escritura cun concurso inclusivo para todas as idades. Animamos a mozos e a maiores a que exploren a súa habilidade coa escritura e participen», anotan desde a compañía distribuidora na súa promoción do hábito de lectura. Pódense presentar ata o 31 de agosto cubrindo o formulario en https://www.gadismicrorrelatos.com/.
Os únicos requisitos impostos falan de que os textos deben de ser inéditos e orixinais, ter menos de cen palabras e o seu autor ser maior de 14 anos. En canto ao idioma, acéptanse tanto en castelán como en galego.
Creatividade sen límites
A orixinalidade, a creatividade, a sensibilidade e a capacidade de síntese son os catro valores que terá en conta o xurado para seleccionar aos finalistas. Co destino como idea central da historia, a organización do concurso deixa aberta á imaxinación de cada participante o seu relato, que pode ser real, baseado en experiencias persoais, ficticio ou fantástico.
Supermercados Gadis recompilará nun libro os microrrelatos seleccionados como finalistas. En total, editará 12.000 exemplares que se repartirán gratis nos puntos de venda de Galicia e Castela e León no mes de outubro. Ademais, poderase descargar en formato dixital na web. Este labor editorial ten como fin dar a oportunidade aos participantes de que un maior número de persoas lea as súas creacións. Desde que lanzou a primeira edición do concurso, a compañía editou máis de 60.000 libros de relatos breves.
Recompensa económica
Entre os finalistas, o xurado elixirá os tres gañadores. O primeiro premio levará un eBook e un cheque por valor de 100 euros, o segundo, un libro electrónico e un cheque de 50 euros, mentres que o terceiro conseguirá un eBook.