Arianna Squilloni e Raquel Catalina gañan o premio Compostela de ilustración

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da obra gañadora.
Detalle da obra gañadora.

Impuxéronse no concurso da 18.ª edición do certame coa obra presentada co lema «Grande y pequeña»

28 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A autora italiana Arianna Squilloni e a ilustradora madrileña Raquel Catalina impuxéronse este venres no concurso da 18.ª edición do premio internacional Compostela para álbums ilustrados pola obra presentada co lema Grande y pequeña. O certame, organizado polo Concello de Santiago e o selo Kalandraka, ten unha dotación económica de 9.000 euros e o proxecto distinguido publicarase o próximo novembro en galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués.

Establecida en Barcelona, Squilloni (Milán, 1976) dirixe a editorial A Buen Paso dende a súa fundación no 2008. Tras estudar Teoría do Pensamento e Filoloxía Clásica, dende hai máis de dous decenios enfocou a súa traxectoria profesional na edición. É autora de varios álbums ilustrados, novelas e ensaios. Compaxina a súa faceta literaria coa colaboración en revistas especializadas en literatura, realiza obradoiros e proxectos en escolas, ademais de participar en congresos e impartir clases en cursos e mestrados.

Catalina (Madrid, 1973) estudou Belas Artes en Madrid e un posgrao de ilustración en Valencia, onde reside. As súas obras foron publicadas por editoriais de distintos países. Recibiu o premio da Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña 2023 e foi seleccionada para a exposición Baba Kamo.

A autora chilena María Paz García Finch recibiu a mención especial do xurado pola proposta La espera.