Castelao e Käthe Kollwitz

CULTURA

Detalle de «Negros no bembe» (1939), de Castelao, e de «Os prisioneiros» (1908), de Käthe Kollwitz.
Detalle de «Negros no bembe» (1939), de Castelao, e de «Os prisioneiros» (1908), de Käthe Kollwitz.

29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No Beatus anterior falei da lúcida e conmovente conferencia que Ramón Piñeiro leu en Pontevedra, o 7 de xaneiro de 1975, sobre Castelao, data na que se cumprían 25 anos do pasamento do Guieiro. Como aínda non morrera Atila, eran tempos censorios, e Piñeiro luciu todo o seu talento estilístico para suxerir cousas sen dicilas cabalmente. Aínda así non eludiu, falando de Castelao, algo que, para o conferenciante, era esencial: Castelao, o Castelao fondamente demótico nos seus debuxos, puxo sempre «a súa arte ao servizo das clases populares», como dixo en memorable ocasión, en Bos Aires, horas despois de iniciar o seu exilio na Arxentina.

Pero hai algo na conferencia pontevedresa de Piñeiro que sorprenderá a moitos, a case todos: a páxina na que cita a artista xermana Käthe Kollwitz (1867-1945), autora de cadros e debuxos sobre o proletariado, os homes mortos na guerra, os oprimidos... Piñeiro bateu nunha biblioteca dos Estados Unidos cun caderno de debuxos da famosa artista e axiña estableceu unha relación con páxinas do lapis de Castelao sen deixar de sinalar algunha diferenza. O certo é que ningún crítico de arte ten explorado estas coincidencias, aínda que Piñeiro seguiu interesado na cuestión. Cónstame que a obra da artista plástica xermana é ben coñecida por Carlos Bernárdez e por Siro López (Siro), quen, bastantes anos despois da conferencia de 1975, conversou in extenso sobre as semellanzas de Castelao cos debuxos de Käthe Kollwitz. Tamén me indica o eruditísimo Siro que Castelao cita a artista xermana no seu Diario 1921.

Na conferencia pontevedresa de 1975 refírese Piñeiro a ela nestes termos: «Nunha ocasión, en Nova Inglaterra... atopei un caderno de dibuxos de Kathe Kollwitz. Impresionoume fundamentalmente porque me lembraba a Castelao. A mesma identificación coas víctimas da inxusticia... Certo que o mundo de K.K. era o mundo do proletariado balinés e o de C., o mundo campesiño e mariñeiro de Galicia...». Pagaba a pena reproducir o resto da páxina, onde, en ningún momento, Piñeiro fai alusión á ideoloxía e á militancia da artista xermana, que era a comunista.