O FIOT afonda na raíz, aposta pola regueifa e anuncia xa tres pezas teatrais
CULTURA

A 34.ª edición do festival teatral celebrarase do 25 de setembro ao 1 de novembro
16 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Raíz viva, memoria colectiva» é o emblema do 34.º Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo (FIOT), que se celebrará entre os próximos 25 de setembro e 1 de novembro. O cartel da edición foi presentado este martes no bosque do Añón, de Carballo, onde se deron a coñecer xa tres dos títulos e dos nomes do programa deste ano. Territorio regueifa, de Ané Producións, e a Berenguela na gaiola, dous dos espectáculos coproducidos polo FIOT, e a estrea en Galicia de Yo quiero irme a Francia, de Contraproducións, foron os adiantos do programa, que incluirá, coma nos últimos anos, preto de corenta espectáculos, nun mes completo de actuacións incluídas no programa de sala e nos espazos OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Micro-escenas M2, FIOTeen e Fiotiño, ademais doutras actividades paralelas.
O director do festival, Alberto Sueiro; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Cultura, Maruxa Suárez, elixiron o bosque do Añón para o acto para «pór en valor a orixe e a tradición como símbolos de identidade propia» do que cualifican como o «corazón do teatro de Galicia». A cerna. Raíces que non se ven, pero que se senten. Nacen dentro das entrañas. E o que sostén este acontecemento é a «tradición, a memoria e a orixe». Sueiro proclamou que, vista a sociedade actual, «percíbese un rexurdimento con forza da posta en valor das raíces», onde está o xerme para a renovación, para a creatividade, a evolución e a diversidade.
Evencio Ferrero aludiu ao bosque como un espazo de especial significado, incrustado no corazón da vila: «Un paseo pola alma de Carballo», «testemuña silente da nosa raíz única». Maruxa Suárez destacou o FIOT como un proxecto pioneiro e clave na vida local, e unha cita referente da cultura galega: «Un proxecto cultural enraizado na nosa vila».
Unha das grandes novidades do adianto de onte é a coprodución de Territorio regueifa, unha montaxe que pretende achegar ao gran público unha das expresións culturais máis ancestrais. Un proxecto inédito en Galicia no que se mestura o traballo dalgúns dos grandes divulgadores desta manifestación artística, convertidos en protagonistas da peza, con destacados profesionais da escena, con José L. Prieto, autor e director, e Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira.
Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, é unha coprodución para público familiar, con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira.
E outra novidade é a estrea de Yo solo quiero irme a Francia, que se poderá ver o 25 de outubro, dirixida por Elisabeth Lorena, que ten pasado por Cuéntame como pasó, Intimidad, La que se avecina ou No matarás. O espectáculo está protagonizado pola veterana actriz María Galiana e tamén participan intérpretes como Nieves de Medina, Ledicia Sola e Alicia Armenteros. A montaxe aborda unha época gris e opresiva en que para ser libres había que marchar, en particular cruzar os Pireneos, aquilo que se dicía: «Algunhas chámanlle liberdade, outras chámanlle Francia».