
A editorial entregou o premio especial desta celebración a Fernando Castro
18 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O 25 de xullo 1950 agromaba no Hotel Compostela de Santiago a Editorial Galaxia, que neste 2025 está a celebrar ou seu 75.º aniversario con múltiples propostas entre as que destaca especialmente o Premio Galaxia de Novela 75 anos e que onte recolleu, no mesmo espazo fundacional, o escritor Fernando Castro Paredes (Tapia de Casariego, 1975) polo seu libro O lanzador de coitelos.
O acto serviu de punto de encontro para celebrar que Galaxia leva feito, e que se traduce na publicación en galego de 3.422 obras de 1.452 autores e autoras, pero tamén do que quere e que está por facer. E isto último non é outra cousa que seguir na mesma liña en defensa do libro e da cultura galega cun achegamento ao lector e aos falantes de galego, adaptándose a un tempo de novos soportes e xeitos de comunicar sen perder o rumbo e o espírito dese 25 de xullo de 1950.
Xosé Manuel Soutullo, director xeral de Galaxia, foi o encargado de presentar esta cerimonia, na que falou da editorial como «un signo de resistencia e continuidade». Soutullo debullou no seu discurso as grandes datas de Galaxia, cadansúa cunha publicación de referencia para as letras galegas e, por extensión para Galicia. Almanaque Galaxia 1950-1975 foi a primeira delas. De seguido, nese 1975, chegaría a entrega do seu primeiro premio polo vinte e cinco aniversario da Editorial. Carlos Casares (1941-2002), que anos despois, acabaría sendo director de Galaxia, gañou aquela convocatoria con Xoguetes para un tempo prohibido, polo que daquela recibiu un premio, daquela bastante elevado, de 200.000 pesetas, equivalentes hoxe a 1.200 euros.
E non foi ata o ano pasado cando Galaxia rescatou este premio para celebrar os 75 anos da editorial, agora cunha achega económica de 25.000 euros. O libro de Casares, considerado por Soutullo como «unha referencia da modernización da nosa literatura», fixo de Galaxia un punto de encontro para a literatura galega e «un signo de resistencia e continuidade». Para falar da Galaxia do futuro, o director desta editorial lembrou unha reflexión dun dos fundadores da entidade, Marino Dónega (1916-2001): «Galaxia quere seguir prestando un servizo a un ideal no que coincide o deber da supervivencia como empresa coa súa conciencia histórica da comunidade á que pertence».
Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración da Editorial Galaxia, aproveitou festa dos 75 anos da empresa para agradecer o traballo do persoal de Galaxia e defendeu a aposta polo libro «como ferramenta crítica, como espazo de reflexión e como garante da continuidade cultural». Tamén para definir a Galaxia como un selo que «continúa fiel ao espírito que motivou a súa creación, ser unha editorial independente, de capital exclusivamente galego, comprometida cos valores do galeguismo, o pluralismo e a tolerancia, e que inviste os seus beneficios na propia empresa».
Vidal Andión incidiu en que «o noso compromiso é seguir editando obras que falen deste país, coa súa diversidade, e da súa profundidade, e manterse firme ante todas as tendencias que desvirtúan a creación artística». «Galaxia seguirá a ser unha plataforma de defensa activa da cultura galega, porque sabemos que o futuro pasa por integrar sen diluír, por innovar sen esquecer e por avanzar sen renunciar a nosa razón de ser», engadiu.
O xurado elixiu unha obra que fala «da arte do fracaso»
Falar dun libro premiado sen facer ningún spoiler no é doado, case tanto como espertar entre o público un profundo interese pola obra contando entre pouco e nada da súa trama, pero si deslizando que fala de totalitarismos, liberdades e «da arte do fracaso».
Semellante tarefa asumiuna o xurado escollido por Galaxia para premiar o texto co que esta editorial resume os seus 75 anos de existencia e manda o aviso de que o que está por vir leva o mesmo camiño que iniciou en 1950.
Daquela, no listado de fundadores de Galaxia só había unha muller. Pola contra, neste 2025 o xurado paritario que escolleu O lanzador de coitelos como texto gañador estivo presidido por Dolores Vilavedra Fernández, que na súa intervención agradeceu que os seus membros fosen profesionais da crítica literaria con representación de varias xeracións que apostaron por unha obra que enseguida situaron nas primeiras posicións, sendo conscientes, lembrou Vilavedra, de que «estabamos unha tarefa con certa transcendencia histórica, pois que tiñamos claro que queríamos un texto que como o de Carlos Casares hai 50 anos amosase a potencia renovadora e diferencial da literatura galega».
O resto do xurado, formado por Tensi Gesteira, Inma Otero, Marcos Calveiro e Ramón Nicolás, invitou coas súas intervencións no acto de Santiago á lectura dunha obra «marabillosa» con «páxinas estremecedoras» que aportan «un retrato profundo e crítico sobre acontecementos históricos do século XX» mediante «unha aposta valente e transgresora pola defensa da liberdade».
Fernando Castro, agradeceu «fondamente» o premio recoñecendo que «se unha mínima parte do gozo que sentín ao escribila se transmite coa experiencia lectora xa me daría por pagado».