
Iniciativas de Couto Mixto ou EmigraSON constrúen comunidade en Bruxelas
26 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Galicia é un país emigrante, tanto polo drama da marcha forzada coma polos aventureiros que van ver o que hai fóra. Bruxelas, como sede da Unión Europea, é unha das cidades onde máis galegos se establecen buscando oportunidades. A capital belga, de feito, é un espazo moi cosmopolita. Segundo as estatísticas, case a metade da súa poboación é estranxeira, de máis de 180 países diferentes. Unha cifra só superada por Dubai. Iso fai da vida cultural bruxelesa un caldeiro vibrante e variado sempre a bulir. E como non podía ser doutro xeito, a cultura galega está ben metida nel, cun empuxe que cada vez ten máis forza.
Distintas asociacións e proxectos representan a nosa cultura a 2.000 quilómetros da casa, facéndonos esquecer a distancia por uns intres e xuntarnos arredor da música, a literatura ou o deporte. É o caso da asociación cultural Couto Mixto, nada no ano 2006. O escritor Daniel Ugarte é un dos seus promotores dende o comezo, do que tamén formaron parte autores coma Xavier Alcalá e Xavier Queipo. «O nome representa o que queriamos que fora isto: un espazo de liberdade», lembra Ugarte. Igual co micro estado, este Couto Mixto tamén xuntou a Galicia e Portugal, pois non sería posible sen a colaboración da xa desaparecida librería portuguesa e galega Orfeu.
A xente do Couto Mixto é responsable de eventos como proxeccións do Festival de Cans en Bélxica, paseos literarios, a celebración do Día das Letras Galegas ou a presentación de libros en galego como Mouros Fóra! (Rinoceronte), a primeira tradución do esloveno ao galego por Jairo Dorado, un galego asiduo por Bruxelas.

Este labor axuda aos migrados a seguir en contacto coa súa cultura ou mesmo a coñecela. «Para unha boa parte da comunidade é un xeito de saber que cousas se están a facer no panorama galego», engade Ugarte.
Lingüisticamente, Daniel Ugarte destaca como, no exterior, xente que hai tempo que non fala o galego ou mesmo que se criou en castelán emprega a nosa lingua. «É un xeito de normalizala en calquera contexto, mesmo fóra».
No eido musical, os «belgalegos» teñen marcado no calendario un evento principal: o EmigraSON. Este festival naceu no ano 2023 da man duns amigos mudados a Bruxelas. «A base era ter un oco para socializar tal e como faciamos na casa, así como compartir a nosa paixón pola música cos galegos que traballan aquí», di Karan Novo, un dos seus organizadores.
Unha idea «un pouco afouta ao comezo», como lembra Novo, rematou sendo unha data capital para a comunidade galega espallada por Europa. Seica non lle saíu mal a inspiración a este equipo de seis persoas; dous anos despois da primeira edición esgotaron entradas na Madeleine, unha das salas de concertos máis icónicas de Bruxelas.
O EmigraSON serve de entrada á música galega para xente estranxeira que os galegos, moi orgullosos do noso, imos coñecendo polo mundo. Non estraña ver xente de Indonesia, Francia ou México bailando ao ritmo de The Rapants ou participando na xa clásica foliada do día anterior.
«Un ambiente moi bo»
Tamén é popular entre os galegos na casa, xa que cada edición viaxan máis expresamente para asistir. «É un pouco estraño ter un festival dos de alí aquí en Bruxelas, iso chama a atención», destaca Novo. «Para artistas, creadores de contido e patrocinadores é un pouco como unha excursión de fin de curso; créase un ambiente moi bo e iso dálle un valor engadido».
O bo ambiente do EmigraSON foi un dos detonantes doutro dinamizador recente da comunidade galega: a peña Europa Celta, un espazo no que celtistas e galegos en xeral se reúnen co fútbol como escusa.
Pinto, un dos seus fundadores, cre que a peña fai que os encontros de galegos pasen a ser máis cotiáns. «Ademais, entre gol e gol vanse falando cousas que se poderían facer con asociacións como o Couto Mixto. Creo que verse na peña axuda, como din algúns, a construír país».
Sobre o xeito da peña de visibilizar Galicia no estranxeiro, Pinto cre que irá da man dos éxitos europeos do Celta. Se é así, e sen importar as cores, oxalá o equipo represente a Galicia a metade de ben do que todas estas persoas o fan.