Galaxia e Ourense: de Otero Pedrayo a Carlos Casares

Cándida Andaluz Corujo
c. andaluz OURENSE /LA VOZ

CULTURA

A mostra estruturase en catorce paneis divididos pola importancia de diferentes concellos ourensáns na historia de Galaxia. Ademais, destaca varios nomes de autores da provincia pola súa obra e polo seu papel no desenrolo da editorial ó longo dos anos.
A mostra estruturase en catorce paneis divididos pola importancia de diferentes concellos ourensáns na historia de Galaxia. Ademais, destaca varios nomes de autores da provincia pola súa obra e polo seu papel no desenrolo da editorial ó longo dos anos. RODRIGO GONZÁLEZ COUSIDO

A editorial destaca cunha exposición a vinculación coa provincia e os seus autores

31 ago 2025 . Actualizado a las 11:46 h.

A exposición Galaxia-Auria. 75 anos despois (1950?2025), que abriu as súas portas este martes en Ourense da man da Deputación e da editorial, salienta o papel clave da provincia na orixe e traxectoria deste emblema da cultura en Galicia. A través de catorce capítulos temáticos preséntanse nomes, lugares e publicacións que testemuñan esta relación singular con figuras como Ramón Otero Pedrayo, Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares ou Chus Pato; e voces actuais como Cristina Pato, Arancha Nogueira ou Alba Garrido. «O que fixemos foi asociar distintos lugares da provincia a aspectos moi relevantes na historia da literatura galega e na de Galaxia», sinalou a profesora e investigadora Patricia Arias Chachero, comisaria da mostra, na presentación no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

A exposición preséntase en capítulos diferenciados. Desde o inicial, que trata sobre a fundación de Galaxia, até o referido á actualidade, pasando polo legado de Nós. Así, preséntase Allariz e o seu vencello ao ensaio galego, A Gudiña ou os comezos da literatura infantil, Xinzo de Limia e a nova narrativa galega, Celanova e a poesía sociorrealista, os estudos da lingua desde O Ribeiro, O Barco de Valdeorras e os que traballan desde o exilio ou Verín e o estudo científico da etnografía e a cultura popular.

Foron moitos os autores que retrataron a provincia nas súas obras publicadas en Galaxia, algúns ourensáns e outros que coñecían ben o territorio. Dende Galaxia destacan a Eduardo Blanco Amor con Os biosbardos (1962), a segunda edición de A esmorga (1970), Xente ao lonxe (1972) e La catedral y el niño (1997). Tamén poñen de relevo, a través dos paneis, as obras de autores como Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Xesús Ferro Couselo ou Xaquín Lorenzo. A esa nómina de ilustres engaden outros nomes destacados da literatura galega como Lamas Carvajal, Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Non esquecen a contribución das seguintes xeracións, destacando a Carlos Casares con Cambio en tres (1969), Ilustrísima (1980) e Os mortos daquel verán (1987).

«Ourense é un territorio moi rico en canto a escritores, intelectuais e artistas, e é difícil pór tantos nomes nun espazo cativo. O máis difícil foi comprimir a recensión dos autores ourensáns. Foi un orgullo para min poder facer esta mostra», destacou a comisaria. E por iso, pola falta de espazo para nomear a todos, nun dos paneis, a modo de fotografías, aparecen outros nomes ourensáns ligados a Galaxia, como os de Méndez Ferrín, Olga Gallego, Pura Vázquez, Antón Tovar, Alfredo Conde, Alonso Montero, Rebeca Baceiredo, Riveiro Coello, Bieito Iglesias, García Mañá, González Tosar, Xosé M. Pacho Blanco, Baldo Ramos, Marcos Valcárcel e Xosé Ramón Quintana. Completan a listaxe os máis recentes, entre os que se atopan Andrés Pombo ou Carlos Rego.

Un significado especial

A mostra destaca a presenza ourensá nos fitos máis relevantes da historia da editorial. O primeiro presidente foi Ramón Otero Pedrayo (desde a súa fundación en 1950 até o ano do seu falecemento en 1976) e no primeiro consello de administración estiveron Sebastián Martínez-Risco e Ben-Cho-Shey. Tamén houbo cargos directivos, en este senso destaca a fonda pegada de Carlos Casares, director desde 1985 até o 2002, ano no que faleceu. A renovación que se consolida nese período, destacan dende Galaxia, permitiu acompasar a empresa cos novos retos que a sociedade galega, que iniciaba o período de autogoberno, demandaba. «Tiñamos mi claro que neste 75 aniversario Ourense debía ser unha zona diferenciada polo significado que tivo para Galaxia», destacou o presidente de administración da editorial, Antón Vidal Andión, presente no acto de apertura da mostra.

Galaxia-Auria. 75 anos despois (1950?2025) pode visitarse ata o 24 de agosto todos os días, incluídos os festivos, en horario de 11.00 a 14.00 horas. Seguidamente viaxará a diferentes concellos da provincia de Ourense.