«Alfombreiro», «auguista» e «lubre» xa figuran no Dicionario da Real Academia Galega
CULTURA

O termo impulsado polo grupo Grupo Luar na Lubre e Navia Franco, filla do académico de Xosé Luís Franco Grande, defínese como «bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos»
01 ago 2025 . Actualizado a las 16:50 h.As voces alfombreiro/a, auguista e lubre xa poden consultarse no Dicionario da Real Academia Galega (RAG). Logo de valorar senllos pedimentos da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, o Concello de Mondariz Balneario e mais o grupo musical Luar na Lubre e Navia Franco Barreiro, o Seminario de Lexicografía incorporou á esta ferramenta en liña estas tres palabras coas seguintes acepcións.
Alfombreiro refírese calquera persoa que fai, amaña ou vende alfombras e, tamén, a quen «confecciona alfombras de carácter efémero con flores ou con outros elementos naturais, especialmente para manifestacións rituais ou relixiosas». O exemplo que a acompaña fai mención expresa á tradición de Ponteareas.
Auguista identifica á «persoa que toma as augas ou os baños medicinais nun balneario», un pedimento que formalizou o Concello de Mondariz Balneario. En canto a lubre, o Dicionario define esta voz como «bosque sagrado onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos». A palabra foi recollida con anterioridade en diversos dicionarios, entre eles, o popularísimo Diccionario galego-castelán do académico de Xosé Luís Franco Grande na súa segunda edición, de 1972. O pedimento, esta vez, realizouno líder do grupo musical Luar na Lubre, Bieito Romero, e Navia Franco Barreiro, filla de Franco Grande. O termo inclúe como exemplo a seguinte frase: «Sentíronse grandes brados nos lubres silandeiros».