Por cuestións puramente familiares teño un estreito vinculo con México dende hai varias xeracións. O meu avó paterno Xerardo, orixinario de Melón Baixo ?Esgos, emigrou a ese país procurando unha mellor vida. Foi un dos primeiros da familia que tiveron que marchar e fíxoo cunha idade avanzada para aqueles tempos, nos que a esperanza de vida apenas chegaba aos 50 anos. Pois aos seus máis de 40, partiu dende o porto da Coruña como tantos o fixeron na lamentable sangría da emigración, e foi a finais do ano 1927 cando chegou ao porto de Veracruz onde comezaría a súa nova etapa vital. Instalouse e traballou na cidade de México onde acadou unha acomodada posición económica e da que nunca máis volveu. Mais como todo semella funcionar dun xeito cíclico, anos despois, o meu irmán maior decidiu emigrar a México noutro momento da vida, nun tempo distinto e cunha preparación sobranceiramente mellor.
Detrás del, e non moito máis tarde, seguindo a estela foi o outro meu irmán e alí naquelas terras foi onde tamén naceron as miñas tres sobriñas e sobriño que agora andan esparexados por distintos lugares do mundo, xa moito máis que adaptados aos tempos que decorren. E resumidamente esta é a miña relación familiar con este país americano, que se remonta a comezos do século XX, pero hai un feito interesante que decorre na fascinante historia de México e que algo ten que ver tamén con Galicia. No ano 1531, pouco despois da chegada de Hernán Cortés a estas terras e logo do seu traumático encontro co emperador Mexica Motecuhzoma, o conquistador castellano Nuño de Guzmán someteu sen piedade novas terras no occidente. Terras ás que el denominou Conquista del Espiritu Santo de la Mayor España e que a Raíña Isabel de Portugal, consorte de Carlos V, ordenou chamar Reino de Nueva Galicia. Tres foron as capitais que tivo este novo territorio: Tepic no 1531, Santiago Galicia de Compostela no 1540 e Guadalajara no 1560. O Reino de Nueva Galicia tivo unha grande importancia no desenvolvemento de México como nación, mais no ano 1876 desapareceu para dar paso ás intendencias de Guadalajara e de Zacatecas. Sexa como for, a historia está aí e moitos non sabemos dela aínda que forme parte de nós mesmos ou teña algunha relación.